O PP da Laracha di que hai que arranxar a Praza do Xeneralísimo, que eles mesmos destrozan cos seus vehículos particulares

Parece ser que o goberno municipal do PP da Laracha pretende abordar o arranxo da “Praza do Xeneralísimo Franco” da Laracha, á que seguen  a referirse como “Praza do Concello”, aínda que se negan a cambiarlle o seu verdadeiro nome incumprindo así a “Lei da Memoria Histórica”. Non é de extrañar o estado desta praza, coa maior parte das losetas deterioradas, cando a diario o Alcalde da Laracha e membros do goberno do Partido Popular entran cos seus vehículos particulares na mesma e permanecen estacionados alí. Unha continua entrada e saída de vehículos de membros do goberno, que evidentemente levan ao levantamento da maior parte das losetas.

Desde logo, no BNG consideramos moi necesario o arranxo desta praza, como tamén consideramos imprescindible (por hixiene democrática) o cambio do seu nome ao que o Partido Popular se continúa a negar (a pesar de que, como se evidencia cada vez que o goberno municipal fala dela, se avergoñan do seu verdadeiro nome pois nunca o utilizan). O que pasa é que como o Alcalde e membros do goberno continúen entrando e saíndo cos seus vehículos da praza, aínda que se arranxe, non tardará moito en volver a deteriorarse.

Para o BNG, o que ten que facer o goberno municipal da Laracha, ademais de arranxar a “Praza do Xeneralísimo” e cambiarlle o nome, é reservar algunhas prazas de aparcamento no seu entorno para uso do Concello, e deixar de meter os seus coches na praza.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]