O BNG da Laracha oponse aos peores orzamentos municipais da historia
O pasado 22 de decembro celebrouse un Pleno Extraordinario no Concello da Laracha, no que se debateu a proposta do goberno municipal do PP de orzamento municipal para 2012.
Unha vez máis ponse de evidencia a absoluta falla de iniciativa política deste goberno municipal e a total ausencia de partidas para abordar a situación de crise e desemprego na que estamos inmersos. Tamén se evidencia que o Partido Popular non pon en práctica eso que tanto pregoan da austeridade, todo o contrario, non se reducen as partidas para publicidade e propaganda e para actos protocolarios, a pesar de recortarse o orzamento en case 900.000 euros.
Mantense algún posto de traballo de asesor do goberno municipal, como é o caso dun cargo político de asesora do grupo de goberno do P.P. (persoal eventual), que ocupa un posto ao que se denomina “Coordinadora de subvencións”, funcións que debera facer o persoal ao servizo da administración e non un cargo político (salvo que o que se queira é “caciquear” coas subvencións, ou sexa, facer un traballo político para o partido do goberno, o Partido Popular). Son máis de 23.000 euros os que nos custa a todos os laracheses e larachesas ese cargo político ocupado por unha ex-concelleira do Partido Popular, do que poderiamos e deberiamos prescindir, e outros 23.000 euros para pagar a unha persoa encargada de manter a presenza diaria do goberno do PP nos medios de comunicación.
o PP da Laracha non practica iso da "austeridade"Acaso un goberno con 5 dos seus membros con adicación exclusiva, mais dous asesores, é dicir, 7 persoas con soldo adicadas a gobernar un concello de 11.000 habitantes, pode presumir de austero?. Desde o BNG pensamos que non, e moito menos cando non se reducen as partidas destinadas a propaganda en momentos de crise, e cunha redución orzamentaria de case 900.000 euros.
o BNG oponse a un orzamento que reduce as cuantías que nos poden axudar a sair da criseO goberno municipal do PP cústanos a todos os laracheses e larachesas uns 230.000 euros ao ano, neste orzamento para 2012 case o 4% do total. Mentres, para investimentos, a partida é a máis baixa que se recorda, só un 13% do total e uns 800.000 euros.
Isto non é política de austeridade, isto é adicar unha boa parte do presuposto municipal a pagar persoas que fan un traballo político para o grupo de goberno, seguir gastando en propaganda, e reducir nos investimentos produtivos. O BNG, como non podía ser doutro xeito, votou en contra deste orzamento.