PROXECTO ORZAMENTOS XUNTA DE GALIZA 2012: As promesas incumplidas do PP na Laracha

Os datos que o goberno galego do Partido Popular deu a coñecer do seu Proxecto de Orzamentos para o ano 2011 son realmente decepcionantes para A Laracha, e amosan o nulo compromiso do goberno de Feijoo coas necesidades dos veciños e veciñas deste concello.

A única partida económica que aparece consignada para o noso concello é de 300.000 euros para o Colexio Otero Pedrayo da Laracha, unha ridícula partida se temos en conta o compromiso do Conselleiro de Educación na súa visita propagandística realizada antes das pasadas eleccións municipais, nas que anunciaba a construcción dun novo edificio para as aulas de infantil deste colexio (falábase dun mínimo de 9 unidades), pois o actual “edificio vello” está realmente deteriorado e non cumple unhas mínimas condicións, e tamén anunciaba que se ían cubrir as pistas polideportivas (unha vella reivindicación do BNG).

Parece evidente que 300.000 euros non dan para a construcción dun novo edificio e a cobertura da pista polideportiva, ou sexa, que a única partida consignada para A Laracha non é suficiente para atender as necesidades do Colexio Otero Pedrayo nin o comprometido polo Conselleiro na súa última visita propagandística. Polo demais, nada de nada. Nin un só euro para o resto de centros educativos, cero euros en sanidade, en infraestruturas viarias, cultura, etc. Nada de nada.

Nestos momentos convén rescatar aquel panfleto que o Partido Popular distribuira pola Laracha antes das eleccións autonómicas de 2009, aquel panfletiño no que se decía que se Feijoo era Presidente da Xunta construiríase un novo Centro de Saúde en Caión, Paiosaco contaría cunha farmacia, arranxaríase a estrada Comarcal 552 e construiríase a circunvalación, etc. Onde van todas aquelas promesas?. O único que podemos dicir, logo de que o Sr. Feijoo leve case tres anos como Presidente da Xunta, é que o paro incrementouse notablemente no noso concello, igual que no resto de Galiza. Para o Centro de Saúde de Caión que o PP leva anos prometendo, cero euros no Proxecto de Orzamentos da Xunta de Feijoo.

O mesmo podemos dicir para a circunvalación, e que pasa coa estrada comarcal que se atopa nun estado realmente lamentable?. Coma sempre, promesas baleiras, propaganda incumprida.

O BNG presentará emendas a este proxecto de orzamentos, demandando que se inclúan estas infraestruturas tan demandadas, repetidamente prometidas polo PP da Laracha, e totalmente esquecidas polo goberno de Feijoo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]