O BNG da Laracha e Galiza Nova reivindican na Praza do Generalísimo da Laracha a eliminación da simboloxía franquista e a recuperación da memoria dos represaliados
O BNG da Laracha, xunto coa organización xuvenil do BNG Galiza Nova, celebraron un acto na "Praza do Generalísimo" da Laracha, para reivindicar a eliminación da simboloxía franquista, e a recuperación da memoria dos que sufriron a represió, como o que era Alcalde no momento de producirse o levantamento militar fascista en 1936, Ramiro Suárez, que morreu no exilio de Francia, o que aínda hoxe podemos dicir que foi o último Alcalde democrático da Laracha.
Durante este acto interviu o Portavoz do Grupo Municipal do BNG, que demandou a eliminación do nome da Praza do Generalísimo Franco da Laracha e a rúa Carrero Blanco en Caión. Xoán M. Sande lembrou as múltiples iniciativas que leva presentado o BNG da Laracha reclamando a eliminación da simboloxía franquista e a recuperación da memoria dos que padeceron a represión.
No próximo Pleno o BNG volverá presentar unha nova iniciativa contra a simboloxía franquistaTamén fixo mención o Portavoz Municipal do BNG aos centos de sinaturas recollidas de moitos veciños e veciñas da Laracha que tamén están fartos de padecer esta vergoña cada vez que pasan por diante da placa desta praza onde se atopa a sede municipal. Todas estas iniciativas bateron sempre co muro do Partido Popular, que ipuxo a súa maioría para manter os nomes destas prazas e rúas, e que semellan empecinarse en seguirse reivindicando como heredeiros do franquismo.
No próximo Pleno da Corporación, que terá lugar o mércores día 28 ás 13:30, o BNG volverá presentar unha nova iniciativa contra a simboloxía franquista, e convidou a todos os veciños e veciñas que teñan dispoñibilidade a achegarse a esta sesión plenaria.
Logo do Portavoz Municipal do BNG interviu Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, que lembrou que aínda hai moitas persoas que non poideron dar sepultura aos seus familiares asasinados polos fascistas, e que Galiza Nova seguirá a reivindicar que todos os que aínda continúan enterrados en fosas comúns, nas cunetas e nas veigas, poidan ser enterrados dignamente.
Este acto estaba incluído nas xornadas de verán de Galiza Nova, que tiveron lugar na comarca de Bergantiños durante a fin de semana do 23 ao 25 de setembro.