O Partido Popular sobe o prezo da auga, a recollida de lixo e outras taxas aos veciños da Laracha, mentras se opón a cobrarlle o imposto de patrimonio aos ricos

O Partido Popular da Laracha vai aprobar no próximo Pleno Ordinario da Corporación (o mércores día 28, ás 13:30, coma sempre) a subida de varias taxas, e tamén a creación dalgunhas taxas novas. Aumentarán o prezo da auga e da recollida de lixo, entre outros. Pola contra, néganse a que se cobre o imposto sobre o patrimonio aos ricos.

A subida máis importante que vai aprobar o goberno municipal do PP da Laracha é a do abastecemento de auga, saneamento e depuración. Tamén a taxa pola recollida de lixo sufrirá un incremento importante, e ademais crearanse novas taxas, como por exemplo unha de 25 euros que haberá que pagar pola xestión para a concesión dun vado (a sumar ao que hai que pagar polos metros de garaxe e máis os 60 euros pola placa). Tamén aprobará o goberno municipal do PP unha nova taxa pola expedición de documentos urbanísticos.

en tempos de crise o PP aproba unha subida de taxas das cuestións básicas e que afectan a todas e todos, como a auga potableEn fin, en tempos de crise, cando moitas familias do noso concello están a ter moitas dificultades para chegar a fin de mes, cando temos uns 1.000 desempregados no concello da Laracha, resulta que o PP aproba unha subida de taxas para todos os veciños e veciñas (das cuestións básicas e que afectan a todas e todos, como por exemplo a auga potable), e a creación de novas taxas. No concello da Laracha cóbrase por todo. Non coñezo outro concello onde un Certificado de Empadroamento, por exemplo, custe 3 euros.

Pola contra, ao Partido Popular non lle parece ben que se recupere o Imposto de Patrimonio. Parece que non quere que os ricos, as persoas que teñen un importante patrimonio, contribúan máis ao erario público. Pero non teñen inconveniente en subir as taxas municipais a toda a veciñanza.

O BNG non aprobará esta subida que consideramos fóra de lugar, absolutamente inoportuna neste momento, ademais de inxusta. Terán que pagar os veciños e veciñas da Laracha máis cara a auga, os impostos de saneamento ou a recollida do lixo, para pagar os soldos do goberno municipal máis caro de toda a Costa da Morte? Que supriman algún cargo de asesor, que aforrarían ás arcas municipais 25.000 euros anuais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]