O BNG da Laracha esixirá ao Partido Popular que cumpra o seu compromiso de construír un novo edificio no Colexio Otero Pedrayo

O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Sande, xunto coa Concelleira Carolina Castiñeiras e a Responsábel Local Mónica Castro

O BNG da Laracha apoia as reivindicacións das nais e pais do alumnado do Colexio Otero Pedrayo, que demandan seguridade para os seus fillos e fillas. Por iso, o Grupo Municipal do BNG volverá presentar unha iniciativa para instar á Consellería de Educación á construción dun novo edificio para as aulas de infantil, ademais da cobertura das pistas deportivas, tal e como se comprometera o propio Conselleiro do PP na visita "propagandística" realizada antes das eleccións municipais.

Este é o texto íntegro da iniciativa presentada polo BNG para o seu debate no próximo Pleno da Corporación:

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

O Conselleiro de Educación do PP comprometeuse á construción dun novo edificio na visita propagandística que fixo antes das eleccións municipais

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

Antes das pasadas eleccións municipais recibimos unha visita “propagandística” do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao Colexio Otero Pedrayo da Laracha. Nas informacións recollidas nos medios de comunicación logo desta visita podíase visualizar o compromiso adquirido polo goberno da Xunta do PP de construír un novo edificio para as aulas de infantil, ademais de falarse da cobertura das pistas deportivas (para o que o Concello amosaba a súa disposición a financiar unha parte, algo que non quixo facer nos 16 anos que levamos desde o BNG demandando esta actuación).

 

Recentemente, un numeroso grupo de nais e pais de alumnos deste colexio manifestábanse diante da Casa do Concello, reclamando seguridade para os seus fillos e fillas, demandando o cumprimento do compromiso da Consellería de abordar a construción dun novo edificio, e tamén a adopción de medidas para garantir a seguridade dos nenos e nenas, ante as graves deficiencias do actual edificio en aspectos como a instalación eléctrica, por exemplo.

Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

Instar á Consellería de Educación a que cumpra canto antes o seu compromiso de construír un novo edificio para as aulas de infantil no Colexio Otero Pedrayo da Laracha, así como a cobertura das pistas deportivas.

Instar asímesmo á Consellería e ao goberno municipal da Laracha a adoptar, de maneira urxente, as medidas necesarias para garantir a seguridade dos nenos e nenas e persoal do edificio vello do colexio, con respecto á instalación eléctrica do edificio e a calquera outra cuestión que poida supoñer un risco para as persoas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]