O GOBERNO MUNICIPAL DO PP COSTARANOS A TODAS AS LARACHESAS E TODOS OS LARACHESES 230.000 EUROS AO ANO

Imaxe dunha sesión plenaria da Corporación Municipal

O concello da Laracha por fin vai ser líder en algo na Comarca de Bergantiños. Efectivamente, o goberno municipal do PP da Laracha será o que máis adicacións exclusivas teña de toda a comarca, con cinco membros do Grupo Municipal do Partido Popular que percibirán un salario pola súa adicación exclusiva máis outras dúas persoas que serán cargos de confianza do executivo e que tamén percibirán un salario.

O Alcalde terá un salario de 3.448 euros brutos mensuais (por catorce pagas ao ano). Os dous Tenentes de Alcalde con adicacións exclusivas, que son tamén membros da Xunta de Goberno, percibirán un salario cada un deles de 2.178 euros, e as dúas Concelleiras con adicación exclusiva cobrarán 1.978 euros mensuais (todos eles tamén por catorce pagas anuais).

O custe das Xuntas de Goberno incrementase en máis de 8.000 euros anuaisA maiores, o goberno contará con dous cargos de confianza, dúas persoas ao servizo do grupo de goberno. Unha delas cun cargo que leva o título de “coordinadora de subvencións”, e que desde o BNG xa denunciamos en moitas ocasións que está a ocupar un posto que debera desaparecer, pois as funcións de xestionar subvencións deben facela o persoal funcionario do concello (persoal ao servizo da admnistración), e non unha persoa que está ao servizo do grupo de goberno do PP. Quen exerce este cargo é unha exconcelleira do Partido Popular, e que para o BNG o que fai non é máis que “caciquear” coas subvencións e os cursiños, facendo un traballo político para o PP pagado por todas e todos. O outro cargo de confianza é para unha persoa que se adica a facerlle notas de prensa ao goberno.

Ademais de todo isto, resulta que o Partido Popular decidiu que as Xuntas de Goberno, que se viñan celebrando cada quince días, pasarán a celebrarse semanalmente. Desde xeito, os tres membros da Xunta de Goberno que non teñen adicación exclusiva pasarán a percibir 480 euros ao mes, ou sexa, 120 euros por cada unha das catro Xuntas mensuais. Isto supón incrementar o custe das Xuntas de Goberno en máis de 8.000 euros ao ano, pois pasarán de custar 8.640 euros anuais a supoñer un gasto de 17.280 euros anuais. En total, o custe que nos supón a todos os laracheses e larachesas este goberno do Partido Popular supera os 230.000 euros anuais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]