Partido Popular: recortes nos servizos públicos e despilfarro en propaganda

Carlos Aymerich denunciou no Parlamento Galego que a Xunta do PP convoca só a metade das prazas do Centro de Día da Laracha

Estamos moi acostumados a escoitarlles aos membros do Partido Popular falar de austeridade, de que hai que xestionar ben os cartos públicos. É algo que venden continuamente, a súa suposta xestión “austera”, e critican continuamente aos demais por despilfarradores. A realidade é ben diferente á que nos venden, e na Laracha evidénciase que é o PP o que despilfarra os fondos públicos en propaganda, actos protocolarios, e en adicacións e asesores. Pola contra, a austeridade aplícaselle aos servizos sociais, ás ridículas partidas destinadas a emerxencia social, ao Centro de Día (do que a Xunta acaba de sacar a concurso a metade das súas prazas).

 

O PP da Laracha gastou en propaganda o doble do presupostado no ano 2010, e en actos protocolarios o triple

A Xunta do PP acaba de anunciar a privatización de cinco centros de día da provincia da Coruña, entre eles o da Laracha, do que non se sacan máis que a metade das prazas, como vén de denunciar o BNG no Parlamento Galego. Que pasará logo co resto de prazas? Aí é onde se aplican os recortes do Partido Popular, igual que está a pasar coa sanidade e a educación públicas. Pola contra, o despilfarro en propaganda vai a máis cada ano.

 

Algúns datos da Conta Xeral do ano 2010 do concello da Laracha son indicativos destas políticas do PP. Por exemplo, da xa ridícula partida adicada a emerxencia social no exercicio 2010 (10.000 euros), o goberno municipal acabou gastando menos de 7.000. Pola contra, para atencións protocolarias o goberno do PP rematou o ano gastando 23.114 euros máis do orzamentado inicialmente (un 200 % máis do presupostado). En publicidade e propaganda, tamén o goberno do PP gastou o doble do inicialmente presupostado.

 

Esa é a verdadeira “austeridade” do PP, recortes aos servizos públicos e despilfarro en propaganda, e tamén en adicacións exclusivas e asesores. Un concello con pouco máis de 11.000 habitantes, no que temos cinco membros do goberno con adicación exclusiva, ademais de dous asesores. Unha asesora do PP, persoal eventual ao servizo do grupo de goberno, que está facendo funcións que deberían corresponder ao persoal funcionario, xestionando subvencións (para “caciquear” coas subvencións). E outro asesor adicado unicamente aos medios de comunicación, a facer notas de prensa, a manter a diario na prensa ao goberno municipal do PP. Así non é de extrañar que todos os días estea o goberno municipal da Laracha nos medios, a veces coas mesmas cuestións que se repiten, claro, cunha persoa pagada por todos os veciños e veciñas adicada a iso. Sete persoas con soldo ao servizo do grupo de goberno do PP. Agardemos que, agora que o grupo do Partido Popular se incrementa logo das pasadas eleccións municipais, non se incremente tamén o número de adicacións exclusivas e asesores.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]