A parálise absoluta da Xunta do P.P. na aplicación da Lei de Dependencia
Moita demagoxia fixo o Partido Popular utilizando a Lei de Dependencia na pasada lexislatura, durante o goberno bipartito na Xunta de Galiza. Moitas foron as súas críticas sobre a lentitude coa que se avanzaba na aplicación desta lei no noso país, cando por certo estabamos entre as comunidades autónomas que máis valoracións tiñan feito naquel momento. Mais agora as cousas mudaron, agora o goberno do P.P., que mantén nunha absoluta parálise a xestión da dependencia, o único que fai é chorar e queixarse continuamente do mal que os trata o goberno central. Antes non lles importaba se o goberno central aportaba ou non financiación, agora a única excusa é esa, a falta de financiación por parte do goberno do Estado. A Consellería de Traballo e Benestar está a demostrar unha incapacidade manifesta, unha total parálise, na xestión da Lei de Dependencia. Pódese dicir que o número de valoracións feitas e de persoas que teñen os seus Plans Individuais de Atención e algunha prestación ou servizo asignado moi pouco ten variado desde a entrada do Partido Popular na Xunta.
De 112 solicitudes tramitadas na Laracha unicamente 12 teñen asignada algunha prestación ou servizo
A realidade dos datos, os últimos datos feitos públicos pola Xunta de Galiza en canto á situación da aplicación da Lei de Dependencia en Galiza, dinos que no concello da Laracha, de 112 solicitudes tramitadas, unicamente hai 12 persoas efectivamente atendidas, con algunha prestación ou servizo asignado en función do seu grao e nivel de dependencia. Así é, 12 son as persoas con algún servizo ou algunha prestación asignada: 3 coa prestación da libranza para o coidador no ámbito familiar, 4 coa concesión de praza en centro de atención residencial e outras 5 coa concesión do servizo de axuda no fogar. De 112 solicitudes tramitadas 12 persoas atendidas, esa é a situación da Lei de Dependencia na Laracha, e non se escoita ao noso alcalde queixarse da nefasta xestión da Xunta de Galiza. Non oímos as críticas doutros tempos, non vemos nos medios de comunicación saír a diario algunha persoa en situación de espera porque se resolva o seu expediente, como podiamos ver hai dous ou tres anos.
Desde logo, para o BNG a parálise da Xunta de Galiza nesta cuestión, como noutras outras, é alarmante. É moi preocupante ter un goberno absolutamente inoperante, que o único que fai é chorar e queixarse do goberno central. En fin, agardemos que na Laracha algo se mellore coa posta en marcha do Centro de Día que se está a construír e que foi aprobado polo goberno bipartito desde a Vicepresidencia de Anxo Quintana.