O BNG reclama melloras sanitarias para A Laracha

Grupo Municipal do BNG

Centro de Saúde de Caión: O BNG solicitará a adopción dun acordo plenario para instar ao Servizo Galego de Saúde a que aborde, de xeito prioritario, a construción dun novo Centro de Saúde en Caión, pois non se pode soster por máis tempo esta situación. Non é de recibo, non pode ser que os veciños e as veciñas de Caión teñan que seguir acudindo a un consultorio terceiromundista, nun espazo reducidísimo e que non reúne as mínimas condicións para un centro sanitario.

En canto ao Centro de Saúde da Laracha, o BNG demandará que se implante o horario de tarde, que os usuarios e usuarias deste centro poidan ter a opción de elexir o seu médico de cabeceira, ou pediatra, en horario de tarde, e por suposto tamén o servizo de cita previa, que se poida pedir cita pola tarde (tanto para os médicos de mañá como de tarde). A realidade a día de hoxe é que o concello da Laracha é o único, dos de máis de 10.000 habitantes, de toda a Área Sanitaria da Coruña, que non dispón xa deste servizo.

A Laracha é o único concello de máis de 10.000 habitantes que non ten consultas médicas pola tardeEn todos os demáis concellos de máis de 10.000 habitantes dispoñen xa dun Servizo de Atención Primaria que funciona, de xeito ininterrumpido, de 8 da mañá a 9 da noite (independentemente do funcionamento do Punto de Atención Continuada, para a atención de urxencias). Na Laracha, as persoas que traballan pola mañá e non teñen a posibilidade de elexir médico de cabeceira en horario de tarde, teñen que acabar, normalmente, acudindo a urxencias, en horario de tarde ou as fins de semana.

Non pode ser que os veciños e as veciñas da Laracha sempre teñamos que chegar máis tarde que os demáis aos servizos. De feito, para que hoxe teñamos o Centro de Saúde que temos, para que se fixese a reforma que se fixo e poidamos contar con cita previa e historias clínicas, tivo que presentar múltiples iniciativas o BNG da Laracha e mesmo facer unha campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza.

Centro de Saúde da Laracha

Por último, o BNG tamén se interesará pola histórica demanda dunha farmacia para Paiosaco. Preguntaremos ao goberno municipal se iniciaron algún tipo de xestión ou negociación coa Xunta de Galiza para dotar ao núcleo de Paiosaco dunha farmacia, xa que ademáis era unha das súas promesas electorais nas pasadas eleccións autonómicas. Lembremos que é unha reivindicación histórica, e que nos últimos anos ten asumido a Asociación de Veciños Campo da Feira, que mesmo convocou a todos os grupos políticos da Laracha a unha reunión, á que non quixo asistir o Partido Popular, e fomos os membros da oposición municipal os que acompañamos á directiva da asociación a unha xuntanza coa entón Delegada da Consellería de Sanidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]