O BNG da Laracha presenta unha iniciativa contra a subida do imposto de transmisións que pretende a Xunta do PP

Xoán M. Sande, Portavoz do Grupo Municipal do BNG

A Xunta de Galiza vén de publicar (DOG do 19 de agosto de 2011) a Orde da Consellaría de Facenda do 28 de xullo de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galiza para os exercicios 2010 e 2011. Os valores medios fixados para os bens inmóbeis nesa norma supoñen un incremento considerábel respecto do valor que se viña asignando polos propios servizos tributarios da Xunta de Galiza.

A subida media das taxacións dos inmóbeis que pretende aplicar a Xunta de Galiza, incluso de xeito retroactivo desde xaneiro de 2010, estímase entre un 25 e un 30 por 100, chegando nalgúns casos ao 65 por 100, como puxeron de manifesto desde que se difundiu o proxecto previo á publicación da Orde especialistas en xestión e asesoría tributaria, organizacións profesionais agrarias, ou mesmo representantes municipais.

En realidade estamos ante unha suba encuberta de impostos aplicada pola Xunta de Galiza, facendo uso dunha actualización de valores alonxada da realidade, dado que, debido á situación de crise económica é precisamente o mercado inmobiliario un dos máis afectados polo descenso continuado dos prezos ao longo dos últimos anos.

A Xunta do PP aproba unha subida encuberta de impostosAlén diso, a aprobación desta norma demostra a nefasta xestión económica do Goberno Galego, incapaz de facer unha xestión realmente eficaz dos recursos públicos, e ao tempo, afanoso de botar man de mecanismos que implican un incremento desproporcionado de impostos sen importarlle a difícil conxuntura económica na que se atopan a maioría das persoas deste país.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG solicitará o posicionamento do Pleno da Corporación, instando á Xunta de Galiza a deixar sen efecto esta Orde, e retirar esa subida encuberta de impostos.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]