O Partido Popular da Laracha mentiu sobre a posibilidade de concesión dunha farmacia para Paiosaco
imaxe do Campo da Feira de Paiosaco
Lembremos que na campaña das eleccións autonómicas do ano 2009 o Partido Popular da Laracha repartira un panfleto no que decían, entre outras cousas, que Paiosaco contaría cuha farmacia se o PP gañaba esas eleccións. Acaso non era coñecedor o PP naquel momento dos datos que agora acaban de dar desde a Xunta, respecto da poboación e as ratios que establece a normativa? Ou é que mentiu o PP nese panfleto, sabendo que non se ía conceder esa nova farmacia?
Desde o BNG insistimos, como sempre viñemos defendendo, en que é posible esa concesión na actual normativa, que establece unha serie de excepcionalidades, unha serie de casos especiais, nos que pode facerse a concesión aínda que non se chegue á poboación requerida para a concesión da quinta farmacia para o concello da Laracha. E para nós, o caso de Paiosaco reúne esas características, pola feira, e tamén pola poboación limítrofe (non só doutras parroquias da Laracha, senón tamén de Arteixo), e mesmo poboación da propia localidade de Paiosaco que pertence ao veciño concello de Arteixo.
Así pois, entendemos que se trata dunha cuestión de falta de vontade por parte do Partido Popular, que non ten intención ningunha de cumprir o seu compromiso electoral, como sucede con moitas outras promesas que fan en periodos electorais e que nunca máis se lembran delas.