Iniciativa do BNG en defensa do mantemento do servizo de axuda no fogar

membros do Grupo Municipal do BNG

 

O goberno do PP na Xunta de Galiza acaba de publicar o decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. No mesmo estabelécese que o Servizo de Axuda no Fogar é un servizo social comunitario básico de carácter público que debe ser garantido polos concellos. Tamén regula o financiamento do conxunto dos servizos sociais comunitarios e concretamente no que se refire aos gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar Básico soamente financiará ás corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes, onde só financiará ao traballador/a social. Deste xeito, a inmensa maioría dos concellos galegos, que son os que contan con menos de 20.000 habitantes, van a ser excluídos das axudas que até o de agora viñan recibindo da administración galega, entre eles o da Laracha.

As axudas da Xunta aos servizos sociais comunitarios xa foron recortadas os anos 2010 e 2011, especialmente no que se refire ao Servizo de Axuda no Fogar. O Plan de 2011 dispoñía de preto de 24 millóns de euros para as prestacións sociais básicas, servizos sociais comunitarios e plan de desenvolvemento xitano, e o goberno do PP os recortou en 2,4 millóns de euros.Para este ano 2012, o plan concertado quedou na metade, en 12,4 millóns de euros. As partidas do programa de servizos sociais comunitarios foron eliminadas e o plan de desenvolvemento xitano ten unha partida simbólica de pouco máis de 100.000 euros.

O decreto publicado vén a corroborar que o goberno do PP na Xunta de Galiza se desentende por completo dos servizos sociais comunitarios nos concellos de menos de 20.000 habitantes, en especial do Servizo de Axuda no Fogar Básico, o que obrigará no mellor dos casos aos concellos a financiar estes servizos e aos usuarios e usuarias a pagar máis nas súas aportacións como copago, ou no peor dos casos a que os servizos desaparezan e só se manteñan para as persoas dependentes coa prestación asignada no seu Plan Individual de Atención.

A Xunta de Galiza debe asumir as súas competencias e garantir uns servizos sociais comunitarios acorde coas necesidades da poboación. E garantir e xestionar un servizo público básico que debe chegar en igualdade de calidade e dereitos a todos os galegos e galegas independentemente do concello onde vivan, como acontece coa sanidade e co ensino.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicitará do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

Instar á Xunta de Galiza a:

a) Manter o financiamento dos gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar Básico ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como asegurar un financiamento equivalente ao de anos anteriores aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

b) Contribuír economicamente ao mantemento da totalidade dos servizos sociais comunitarios dos concellos.

c) Non incrementar a participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar.

d) Derrogar o decreto e negociar outro no marco da FEGAMP.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]