O BNG da Laracha presenta unha iniciativa contra os recortes no ensino público
O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou, para o seu debate no próximo Pleno da Corporación, unha moción en contra do Real Decreto-lei 14/2012 na que instan á Xunta de Galiza non só a non aplicar a norma no noso país, senón tamén a presentar un recurso perante o Tribunal Constitucional. O texto redactado en Madrid supón unha invasión clara do marco competencial galego en materia educativa, nomeadamente no que ten a ver co horario do profesorado e a cobertura de baixas, asuntos en que a Consellaría de Educación ten atribucións exclusivas.
Alén disto, a aplicación do Decreto de Educación suporía na Galiza a destrución de máis de 2.000 postos de traballo no profesorado, así como unha rebaixa considerábel da calidade educativa, tal e como recolle a moción do BNG. É un novo golpe ao ensino público, que se vén a sumar aos recortes levados a cabo polo Partido Popular desde que ocupa o poder na Xunta de Galiza, que conleva unha degradación continua da calidade do ensino público ademais dun incremento do custo que teñen que soportar as familias para a educación dos seus fillos: eliminación da gratuidade dos libros de texto, incremento das taxas para o estudo universitario, redución de profesorado, recortes en material, deterioro de instalacións, etc.
Coa súa queixa, o BNG suma a súa voz á doutros colectivos que veñen reclamando que non se aplique este Real Decreto, entre outras moitas cousas porque vulnera o dereito á educación porque, no caso de enfermidade de calquera profesional, durante os dez primeiros días da baixa -independentemente da súa duración- o alumnado non recibirá clases cun ou cunha docente da materia correspondente. Nesa liña, enténdese a norma española como unha agresión á igualdade de oportunidades que responde a unha concepción elitista e clasista do ensino público.