As promesas incumpridas do Partido Popular da Laracha

panfleto repartido polo PP da Laracha nas eleccións autonómicas de 2009

 

Que o Partido Popular incumpre sistemáticamente as súas promesas electorais xa non debe sorprender a ninguén. Xa o temos denunciado en máis ocasións desde o BNG, pretenden enganar continuamente á veciñanza e comprométense en cada proceso electoral a que no próximo periodo van facer aquelo que non fixeron antes e que saben que non farán tampouco despois. As últimas declaracións do Sr. Alcalde volven a poñelo en evidencia, cando admite que a Xunta do PP rexeitou o proxecto do concello para a estrada comarcal 552, e o único que se comprometen a facer é renovar a pavimentación desta estrada (que boa falla fai). E o Sr. López Varela acata con resignación cristiana a decisión dos gobernantes da Xunta do seu partido, esquecendo as críticas que fixera ao bipartito e as promesas feitas por el mesmo e o Partido Popular da Laracha nas eleccións autonómicas de hai 3 anos.

O mesmo podemos decir con respecto á farmacia de Paiosaco, outra promesa electoral incumprida. Para o Partido Popular da Laracha non queda outro remedio que esperar a que o concello chegue aos 11.500 habitantes para poder optar á quinta farmacia no noso concello. Pero non era iso o que decían hai tres anos, no seu panfleto electoral, no que tamén se comprometían a conseguir esta oficina de farmacia tan necesaria para Paiosaco. Pois mire Sr. López Varela, ao BNG da Laracha non nos vale esa resignación, nin tampouco aos veciños e veciñas de Paiosaco. Sabemos que a normativa recolle unha serie de situacións nas que se pode conceder unha licencia de farmacia, sen chegar á poboación requerida, e sabemos que é unha necesidade obxectiva. Ademais, houbo un acordo plenario unánime para reclamar da Xunta de Galiza a concesión desta quinta farmacia. Por iso o BNG leva esta iniciativa ao Parlamento de Galiza, e agardamos ver o que o goberno do PP contestará a este respecto.

Que fixo a Xunta do PP na Laracha nestos tres anos? Absolutamente nada, aparte de privatizar o Centro de Día-Residencia aprobado polo BNG durante o bipartito. Durante o goberno bipartito da Xunta, co BNG con responsabilidades de goberno nas áreas de benestar e vivenda e solo, púxose en funcionamento a Galescola, aprobouse e orzamentouse o Centro de Día-Residencia (que logo o PP privatizou), e asinouse o convenio que permitiu logo á sociedade SEA a construcción do Parque Empresarial da Laracha. Pero que fixo o Partido Popular durante estos tres anos? Onde van todas as súas promesas de hai tres anos? Podemos ver no panfleto que repartiran na Laracha cantas cousas prometían. A ver se son capaces, polo menos, de pavimentar a estrada Comarcal 552, que moita faltiña fai.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]