O BNG leva ao Parlamento Galego a demanda dunha farmacia para Paiosaco

O deputado Carlos Aymerich, xunto co Portavoz do BNG na Laracha Xoán Sande

 

 

O Grupo Parlamentar do BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento Galego, mediante as que demanda que dunha vez por todas se atenda a petición da veciñanza de Paiosaco de permitir a instalación dunha farmacia. O deputado Carlos Aymerich presentou unha batería de iniciativas demandando este necesario servizo para o segundo núcleo de poboación do concello da Laracha. En concreto o deputado nacionalista presentou preguntas para a súa resposta en Pleno e Comisión e tamén por escrito, e Proposicións para o seu debate en Pleno e Comisión.

O Partido Popular segue sen atender esta petición, a pesar de que hai xa tempo que houbo un acordo unánime da Corporación Municipal para demandar da Xunta que se permitise a instalación da farmacia, e de que a norma que regula a concesión de farmacias establece unha serie de premisas que Paiosaco cumpre perfectamente para que se poidese autorizar unha quinta oficina de farmacia no noso concello, sen ter que chegar aos 12.500 habitantes.

Esta é outra das promesas reiteradamente incumpridas por parte do Partido Popular. Lembremos que no panfleto co que pedía o voto nas eleccións autonómicas de 2009 o PP comprometíase a que a farmacia en Paiosaco sería unha realidade, se Alberto Núñez Feijoo chegaba á Presidencia da Xunta. Pois ben, Feijoo leva 3 anos de Presidente e seguimos agardando pola farmacia.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]