Pregunta sobre a inauguración do Centro de Día da Laracha

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación as seguintes PREGUNTAS:

O pasado venres a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou o noso concello para inaugurar o Centro de Día da Laracha. Por certo, Centro de Día aprobado e orzamentado polo anterior goberno bipartito e do que o Partido Popular o único que fixo foi privatizar a súa xestión.

Ben, pois resulta que non se convidou a toda a Corporación a esta inauguración. Os membros dos grupos da oposición non fomos convidados, pero si o Partido Popular de Carballo.

Para o BNG, o PP está a facer un uso partidista das institucións, actuando como se fosen da súa propiedade, do Partido Popular. A falta de respecto deste goberno municipal do PP cos grupos da oposición e cos vecinos e veciñas da Laracha é, desde o noso punto de vista, absolutamente lamentable.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha formula as seguintes PREGUNTAS:

Por que motivo non se convidou a este acto a todos os membros da Corporación da Laracha, e si a membros do Partido Popular de Carballo? Foi unha visita institucional a que fixo a Conselleira para inaugurar o Centro de Día ou foi unha reunión con militantes do Partido Popular? Que pintaban os membros do PP de Carballo nesa inauguración?

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]