O BNG pregunta ao goberno municipal cando pensa arranxar a pista do Rapadoiro á Medoña, en Coiro

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:

 

Hai xa máis dun ano, en concreto en abril de 2009, o BNG presentou no rexistro municipal unha solicitude para que se abordase o arranxo da pista que vai do Rapadoiro á Medoña (en Coiro), iniciativa que foi tratada no Pleno Ordinario do mes de maio de 2009. Contestóusenos naquela ocasión, por parte do goberno municipal, que xa se ía arranxar esta pista que estaba incluída no PEIM financiado pola Consellería de Medio Rural, pero o certo é que pasado máis dun ano non se fixo aínda nada de nada.

 

A verdade é que non se molestaron nin en botar unha pouca zahorra para tapar as fochancas máis grandes e para, polo menos, facer un pouco transitable esta pista. Parécenos un deixadez absoluta, por parte do goberno municipal, o total abandono no que manteñen esta pista que moitas veciñas e veciños utilizan, ou poderían utilizar de atoparse en mellor estado. Entendemos que, cando menos, o goberno municipal debera ter adoptado algunha medida provisional, en tanto non se fagan as obras financiadas pola Consellería de Medio Rural (se é que se van facer), e non custaba tanto botar polo menos unha pouca zahorra.

 

 

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha formula as seguintes PREGUNTAS:

 

Cando se van facer as obras de mellora da pista que vai desde O Rapadoiro á Medoña, en Coiro?

 

Pensa o goberno municipal adoptar algunha medida provisional para mellorar o lamentable estado desta pista, en tanto non se acometan as obras definitivas?

A Laracha, 21 de xullo 2010


Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha


 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]