Pregunta sobre se as obras do FEIL están realmente a crear emprego no noso Concello

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:

Estanse a executar nestes momentos a práctica totalidade das obras do “Fondo Estatal de Investimentos Locais” (FEIL) no concello da Laracha.

Este plan aprobado polo goberno central, e polo que o estado lle aporta ao concello da Laracha case 2 millóns de euros, tiña coma principal finalidade a de crear emprego nos concellos, e mesmo as distintas propostas que se presentaban desde cada concello tiñan que establecer unha previsión do número de parados que se ían contratar.

Desde o Grupo Municipal do BNG queremos coñecer, e que se fagan públicos, os datos relativos ás obras do FEIL do concello da Laracha, se esas previsións de creación de novos empregos se cumpriron, e cantos parados do concello da Laracha foron contratados.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha formula a seguinte PREGUNTA:

Pode o goberno municipal informar do número de parados do concello da Laracha que foron contratados para as obras do FEIL?

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]