Pregunta sobre os desperfectos causados por obras do concello en edificios anexos ao Parque Maximino Canedo
Xoán Manoel Sande Muñiz, Concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:
A construción do “Parque Maximino Canedo”, obra que foi feita polos obradoiros de emprego municipais e rematada por unha empresa local, foi unha actuación que tivo e ten unhas consecuencias nefastas para un edificio colindante, xa que como consecuencia da mesma os trasteiros e o garaxe situados no soto deste edificio (na rúa Epifanio Campo, nº 20) teñen un gravísimo problema de entrada de auga procedente do devandito parque.
Resulta que o parque foi feito con caída cara a este edificio, e ademáis pódese comprobar a existencia de dúas arquetas no propio parque, colocadas contra o edificio e xusto pegadas ás xuntas de dilatación, ás que van a parar as augas pluviais recollidas na zona, atopando ademáis que todas as canalizacións están colocadas precisamente contra este edificio, ao que se suma tamén a auga filtrada no propio parque.
De feito, xa no momento en que se estaba a facer o parque, parece ser que os responsábeis da empresa construtora do edificio xa avisaron de que tal e como se estaba a facer a obra ía haber problemas de auga no edificio. A pesares dese aviso o parque fíxose dese xeito, e agora atopamos esta situación, na que as persoas que viven no edificio teñen que padecer as inundacións dos seus garaxes e trasteiros como consecuencia dunha obra pública responsabilidade absoluta do concello, e segundo a información que nos consta levan tempo intentando poñerse en contacto con membros do goberno municipal para intentar que se lles solucione o problema que a propia administración local lles creou, sen que ata o momento teñan ningunha solución ao respecto.
Por todo isto formulamos a seguinte PREGUNTA:
Pensa o goberno municipal afrontar algunha solución respecto desta situación ocasionada como consecuencia dunha obra pública, ou pretende que sexan os propietarios das vivendas os que teñan que solucionar pola súa conta e risco un grave problema do que o concello é o máximo responsable pois é consecuencia dunha actuación súa?
A Laracha, 23 de abril de 2008
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Concelleiro do Grupo Municipal do BNG da Laracha