Pregunta sobre a sinalización de algúns cruces perigosos

Xoán Manoel Sande Muñiz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:

 

 

            Na parroquia de Erboedo atopamos un cruce, no lugar de “Maseo” na saída deste lugar cara a estrada que vai a Erboedo, no que non hai visibilidade ningunha e continuamente se producen situacións de risco de accidente, cando non choques como xa se teñen dado. Téñennos comentado algúns veciños do lugar que hai tempo que veñen solicitando a instalación dun espello neste cruce, para aumentar a visibilidade e reducir dese xeito o risco de accidentes. O mesmo ocorre no cruce coa estrada que vai a Larín, onde tamén é necesaria a colocación dun espello. Ademáis, tamén recibimos queixas dos veciños respecto doutros cruces que carecen de sinalización algunha dos lugares a onde levan as estradas, como é o propio cruce mencionado de Maseo-Coto, Longra, Godón, Ramisquido, Piñeiro e Erboedo de Abaixo.

 

            Esta situación xa a denunciamos e ata en dúas ocasións temos presentado solicitudes desde o grupo municipal do BNG instando ao goberno municipal a adoptar as medidas oportunas. De momento, a única contestación que tivemos por parte do goberno municipal foi un anuncio nos medios de comunicación de que se ía facer algo así como un “plan de sinalización” en todo o concello e que para iso solicitaban algunha subvención doutra administración.

 

Así pois, desde o grupo municipal do BNG formulamos as seguintes PREGUNTAS:

 

1º.- Ten o goberno municipal realmente un proxecto de sinalización integral de todo o concello, no que se contemplen as medidas demandadas, ou foi só un anuncio nos medios de comunicación para dicer que se vai facer e non facer nada en realidade?

 

2º.- En tanto non se poña en marcha ese plan, se existe, non pensa o goberno municipal adoptar ningún tipo de medidas de seguridade, como por exemplo a colocación dalgúns espellos, naqueles cruces con menor visibilidade e maior risco de accidentes?

 

 

 

 

A Laracha, 22 de marzo de 2008

 

 

 

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Concelleiro do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]