Pregunta sobre o plan de sinalización (un ano despois)
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:
Hai xa máis dun ano que desde o Bloque Nacionalista Galego temos solicitado a instalación de sinalización nalgúns lugares do concello, algúns por exemplo das parroquias de Coiro e Erboedo (Maseo, Longra, Godón, Ramisquido, Piñeiro, etc.) e outros.
Desde o goberno municipal contestóusenos no seu día que se estaba a traballar nun plan de sinalización para todo o concello e que se abordaría a sinalización destes lugares no devandito plan. Posteriormente preguntamos, noutra sesión plenaria, sobre este plan, a súa previsión, temporalización, etc., preguntamos se o goberno municipal nos podía informar sobre cando estaba previsto abordar as actuacións nas distintas parroquias, etc. O certo é que o grupo de goberno do Partido Popular non foi quen de dar esta información, limitouse a contestar que se ía sinalizar en todo o concello, e que naquel momento estaba a acometerse a sinalización nas parroquias de Caión, Lemaio e Lendo.
Pasado xa bastante tempo, a verdade é que non volvemos saber máis nada deste plan. Moito nos tememos que en realidade non se trata dunha actuación planificada, e que unha vez máis o goberno municipal vai facendo as cousas ao chou, segundo recibe algunha subvención doutra administración, mais sen ter planificado e temporalizado as actuacións, pois ata o de agora non foron quen de informar do seu contido e de cómo e cando se ía executar nas distintas parroquias. O que si sabemos e que ten aprobada unha subvención da deputación da Coruña na convocatoria do ano 2008 de 24.000 euros, e tamén ten concedida outra subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza tamén na convocatoria do 2008.
Por todo isto, desde o BNG da Laracha formulamos as seguintes preguntas:
1º.- Pode o goberno municipal informarnos do contido dese “Plan de Sinalización” para todo o concello?. Cando está previsto que se leve a cabo en todas as parroquias, que tipo de sinalización se vai a instalar e onde?
A Laracha, 19 de maio de 2009
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG