Pregunta sobre o silencio do Goberno Municipal ante a ampliación do aeroporto de Alvedro
Carolina castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:
A posíbel ampliación, reclamada insistentemente pola Executiva Provincial do Partido Popular, ten unha certa afectación medioambiental en zonas altas de Soandres e non foi obxecto de alegación algunha por parte do Concello da Laracha.
O BNG da Laracha ven de presentar ante AENA alegacións ante o estudo de impacto ambiental do proxecto de ampliación do aeroporto de Alvedro.
No escrito de alegacións solicitamos que se confirme se son correctos os estudos acústicos do presente Estudo de Impacto Ambiental, e de ser así, se proceda a modificar as "pegadas de ruído - Desenvolvemento Previsible" do Plan Director do Aeroporto da Coruña (PDA) aprobado en xullo de 2001, de maneira que se establezan con claridade as posibles afeccións sonoras e servidumes aeronáuticas; que se determinen estas novas servidumes aeronáuticas que afectan á clasificación e cualificación de usos do chan, que limitan ou eliminan as futuras construcións nas zonas afectadas, que estime a cuantificación económica para indemnizar aos afectados e que se inclúan no documento de Execución do Plan as medidas económicas proporcionadas para alcanzar no interior das vivendas afectadas os niveis de acústica compatibles cos usos residenciais esixidos pola lexislación actual e incorporar estas edificacións afectadas ao plan de acción en materia de contaminación acústica, cuantificación económica e proxecto de financiamento correspondente.
Ademáis o BNG da Laracha sostén que "esta obra é innecesaria e insostible, xa que non se acompaña un estudo económico da rendibilidade económica e social da obra proxectada, xerando uns problemas ambientais, sociais e de risco para a saúde inasumibles"; e polo tanto solicita que se informe negativamente o proxecto de impacto ambiental e se deixe sen efecto a execución da obra, por innecesaria e carente de xustificación.
O BNG foi quen de facer estas alegacións “in extremis” apenas uns días antes de que rematase o plazo, pois nin como grupo integrante desta Corporación Municipal, nin como veciños da Laracha que somos cada un de no, se nos foi informado tan sequera que había territorios do noso Concello afectados, detectando un sospeitoso mutismo ante este tema que consideramos, debería ser ser exposto e explicado á veciñanza larachesa para que se informasen da man de quen corresponde, que é o seu Goberno Municipal e que este ademais facilitase, como se fixo no resto de Concellos afectados pola posible ampliación do aeroporto, que os veciños presentasen as alegacións que consideraran pertinentes.
Por todo o exposto, formulamos a seguintes preguntas:
Ten algún interese partidista o Grupo de Goberno deste Concello? Estalle o Sr. Alcalde José Manuel López Varela a facer algún favor persoal o seu amigo Carlos Negreira, que é o principal precursor desta faraónica obra se sentido que non favorecerá, máis ben ao contrario aos veciños da Laracha? Cal é a razón de que non fosen informada a veciñanza da Laracha e porque non se lles facilitou a formulación de alegacións?
A Laracha, 24 de maio de 2009
Asdo. Carolina Castiñeiras Brandón,
concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha