Pregunta sobre a seguridade na Feira de Paiosaco
Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta a seguinte pregunta para resposta en pleno.
EXPOSICIÓN:
A feira de Paiosaco foi no pasado un importante motor económico da zona. Ten unha tradición, un pasado, pero tamén debe ter un futuro, para o cal é necesario que haxa vontade de promovela.
Na actualidade, desde varios sectores temen certo decaemento. Desde o goberno municipal, mesmo se teñen deseñado accións con efectos negativos sobre a feira.
Mentres, noutras localidades rexorden, promovidas polos concellos e outras administracións, feiras que estaban practicamente extinguidas, ou mesmo créanse outras novas en pobos sen tradición de feiras. Estas iniciativas están a dar un pulo económico importante a aqueles concellos que fixeron unha aposta decidida por este tipo de mercados.
Este concello non debe nin pode permitirse o luxo de desperdiciar o potencial económico e social que supón a feira de Paiosaco. Pero tamén elevar o nivel de seguranza, pois este mesmo domingo produciuse un accidente que puido ter maiores consecuencias. Iso debido á falla de medidas de seguranza na circulación rodada, mesturándose coches con peóns.
Por iso, xa desde a constitución por primeira vez, do Grupo municipal do BNG se solicitou ao goberno municipal a adopción das medidas necesarias para incentivar a feira de Paiosaco, entre elas podemos subliñar as seguintes:
§ Análise en profundidade das carencias e potencialidades deste mercado.
§ Iniciativas de potenciación de productos de calidade da zona.
§ Complementación con progamacións culturais e de ocio.
§ Difusión en distintos medios.
Así mesmo e tendo en conta o suceso anteriormente sinalado, o BNG considera que tamén se deben adoptar as medidas básicas de seguranza que impidan ou limiten casos como o do domingo pasado. Por iso realiza a seguinte
PREGUNTA:
Pensa o goberno municipal adoptar as medidas básicas de seguridade que se amosan necesarias para evitar accidente na feira?
Na Laracha a 24 de xaneiro de 2008
Asdo.: Carolina Castiñeiras Brandón