Pregunta sobre a contratación dun Arquitecto Técnico
Xoán Manoel Sande Muñiz, Concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte PREGUNTA:
A Consellería de Vivenda e Solo convocou unhas axudas dirixidas a todos os concellos, para a contratación de persoal técnico cualificado de cara ao seguimento das “Normas do Hábitat Galego”. Nesta convocatoria de axudas, establecíase que se podería contratar arquitectos ou arquitectos técnicos. Os concellos tiñan que formalizar a contratación deste persoal durante o pasado mes de agosto, e a subvención da Consellería cubrirá os gastos desde o mes de setembro e ata finais de ano, prevéndose a apertura dunha nova partida orzamentaria para manter estas axudas durante o ano 2009. A pesares de recoller esta convocatoria de axudas a posibilidade de contratar persoal coa titulación de arquitecto ou arquitecto técnico, parece ser que na convocatoria feita polo concello da Laracha só podían optar o persoal coa titulación de arquitecto técnico, non podendo presentarse as persoas cunha titulación superior de arquitecto, que suponse que tendo unha titulación superior poderá ter tamén unhas maiores capacidades para o desenvolvemento deste posto.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha formula a seguinte pregunta:
Por que motivo optou o goberno municipal por limitar a posibilidade de contratación unicamente ás persoas coa titulación de arquitecto técnico, non abrindo tamén a posibilidade de que se presentasen persoas coa titulación superior de arquitectura?
A Laracha, 10 de setembro 2008
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha