Pregunta sobre unha obra ilegal en Vilaño Vello

Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación, a seguinte PREGUNTA:

 

EXPOSICIÓN:

 

Na parroquia de Vilaño, concretamente na zona de Vilaño Vello cara a Montesclaros, ten a súa casa un coñecido ex-concelleiro do Partido Popular e que ademáis, como é sabido por toda a veciñanza, actuou durante moitos anos e segue a facelo, como axente electoral deste partido en Suiza.

 

Pois ben, resulta que este señor fixo, darredor da súa casa, unha nova construción de bloque, levantando ao longo do muro que tiña pechando a finca unha edificación pegada á casa que ven a ser practicamente outra vivenda. Por enriba do “cierre” de bloque constuído no valado seguiu levantando con bloques ata constuír realmente unha nova casa, con fiestras e mesmo con un balcón. Esta nova construción está feita darredor da casa, por detrás e por un e outro lado, semella que foi facendo pouco a pouco ata chegar a edificar outra vivenda darredor da que xa tiña. Todo isto, evidentemente, sen que haxa por ningunha parte cartel indicativo de obra ningunha e supoñemos que sen permiso de ningún tipo pois a verdade é que semella que está feito dun xeito totalmente ilegal. Mesmo non cumpre, por exemplo, a distancia mínima a unha liña de alta tensión que está a menos de oito metros da nova zona construída.

 

As normas urbanísticas, e calquera outra normativa sexa do ámbito municipal ou de calquera outro ámbito, están para ser respectadas por todas e todos, e entendemos que se neste caso non foi así pois os responsábeis municipais deberan adoptar as medidas oportunas.

 

Por todo isto formulamos a seguintes PREGUNTAS:

 

Ten coñecemento o goberno municipal desta construción? Ten solicitado o propietario algún permiso para levantar esta edificación? De estarmos diante dunha construción ilegal, adoptou ou vai adoptar o goberno municipal algunha medida ao respecto?

 

 

 

A Laracha 19 de maio de 2.008

 

 

Asdo: Carolina Castiñeiras Brandón

Concelleira do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]