O BNG da Laracha solicitou melloras para a rúa Rosalía de Castro e o entorno do Instituto

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o vindeiro Pleno Ordinario da Corporación o seguinte ROGO:
 
EXPÓN:
 
            Levamos anos desde o BNG da Laracha solicitando a adopción de medidas na rúa Rosalía de Castro e no entorno do I.E.S. Agra de Leborís. Nalgunha ocasión contestóusenos, por parte do goberno municipal, que se ía facer unha actuación concreta nese lugar coa pavimentación da rúa, pintado e sinalización.
 
            O certo é que pasou bastante tempo, mesmo anos, e de momento nada se fixo para solucionar os problemas de tráfico, mais ben ao contrario, cada vez a cousa está peor. Aparcan coches nas esquinas, mesmo na rúa Rosalía de Castro moitas veces aparcan en batería directamente na esquina desta rúa, obstaculizando en moitas ocasións o paso dos autocares que van ao instituto. Ningunha medida se ten adoptado ao respecto, e o caos circulatorio na rúa Rosalía de Castro é cada vez maior. Iso si, o día da festa dos maiores, o pasado fin de semana, si se tomaron medidas e mesmo se sinalizou para que non aparcasen vehículos nalgúns lugares, pero para os autocares que veñen a diario ao instituto non se adoptan medidas e teñen que sortear os obstáculos e a veces esperar ata que o propietario dalgún vehículo aparcado nalgunha esquina pase a retiralo.
 
            A verdade é que esta rúa é un paradigma da nefasta planificación urbanística deste concello, unha vía de acceso ao único instituto que temos, no centro da Laracha, e que ten un ancho clarísimamente insuficiente e necesita da adopción dalgún tipo de medida: ou ben suprimir os aparcamentos dun lado ou ben que sexa unha rúa de direción única, pero desde logo non deixala como está, pois o caos cada vez é maior.
 
            Por todo isto, desde o Grupo Municipal do BNG solicitamos a adopción de medidas na rúa Rosalía de Castro e o entorno do Instituto Agra de Leborís, para solucionar o caos circulatorio que se produce a diario nesta zona e os continuos problemas cos que se atopan os autocares que traen os rapaces e rapazas ao instituto.
 
 
 
 
 
A Laracha, 19 de maio de 2010
 
 
Asdo.: Xoán M.Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha
 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]