Rogo solicitando medidas de seguranza vial en Paiosaco e un semáforo de pulsador no cruce das "Rañeiras"
A Concelleira do BNG, Carolina Castiñeiras, presentou un rogo para o vindeiro Pleno, solicitando medidas de seguranza vial en Paiosaco, e a instalación dun semáforo de pulsador, para que poidan cruzar os peóns, no cruce das Rañeiras (na estrada que vai para o igrexario).
Este é o texto íntegro do rogo presentada pola concelleira nacionalista:
Dende hai anos, a estrada N 552 ao seu paso polo núcleo urbano de Paiosaco conta con semáforos de regulación de velocidade, algo moi necesario para desde o noso punto de vista e tamén desde o punto de vista de moitos veciños e veciñas que vén como a diario moitos vehículos rebasan o límite de velocidade de 50 Km/h. Porén, estes semáforos levan máis dunha década sen funcionar, a pesares da gran cantidade de tráfico que concentra, e que seguirá concentrando e incluso irá a máis (pois, a pesares das promesas electorais do P.P., a peaxe da autovía A Coruña-Carballo, imposta polo Partido Popular, non ten pinta de desaparecer polo momento).
A resposta do grupo de goberno do Partido Popular a esta cuestión, hai algún tempo, foi que a Consellería de Política Territorial, que dirixía naquel momento o PSOE, non atendiu as súas peticións, mais agora o Partido Popular ten a oportunidade de demostrarlle aos veciños de Paiosaco se verdadeiramente lles importa a súa seguranza vial ou unha vez máis predican coa demagoxia.
Por todo isto, SOLICITAMOS:
Que o goberno municipal insta á Consellería de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente , de xeito inmediato, á reparación e posta en funcionamento dos semáforos de control de velocidade da Avda. de Bergantiños, e a instalación dun semáforo para paso peonil (de pulsador), no cruce das Rañeiras co Igrexario de San Martiño.