Rogo solicitando a non exclusión das asociacións de veciños das subvencións, e a creación do Cosello Municipal de Cultura
O BNG da Laracha presentou un ROGO, demandando do goberno municipal que non se discrimine ás asociacións de veciños do noso municipio excluíndoas das convocatorias de subvencións, e instando tamén ao goberno municipal do P.P. a crear o Consello Municipal de Cultura, como órgano de participación de todo o movemento asociativo. Este é o texto íntegro da iniciativa presentada polo Portavoz do Grupo Municipal:
Recentemente, o Goberno Municipal do Concello da Laracha resolveu a concesión de subvencións ás entidades culturais, educativas e deportivas do termo municipal que presentaron as súas solicitudes, logo dunha convocatoria da que se excluiu ás asociacións de veciños. Desde o BNG da Laracha non entendemos por qué se exclúe ao asociacionismo veciñal desta convocatoria, cando existen algunhas entidades deste tipo no noso municipio que fan un importante traballo, desenvolvendo actividades culturais e sociais. Algunha asociación veciñal ten feito moitas máis actividades que algunhas das entidades doutro tipo que si reciben subvención.
Tampouco podemos entender desde o BNG que diante das críticas dunha asociación de veciños por tela excuído o goberno municipal desta convocatoria de subvencións, resposte o Partido Popular verquendo unha serie de críticas e difamacións, acusándoa de ser un altofalante do BNG, e afirmando ademáis que é o Partido Popular quen decide a quen se lle dá subvención e a quen non.
Non se pode estigmatizar a unha determinada asociación, sexa cal sexa e do tipo que sexa (veciñal, cultural, deportiva, ANPA, etc.) porque algunha das persoas que formen parte da súa Xunta Directiva poida ter unha determinada afiliación política exercendo o seu dereito individual democrático. Lembremos que o actual Portavoz do Partido Popular, e 1º Tenente de Alcalde, foi durante anos membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural Santa Mª de Torás, Directiva da que tamén formou parte a Concelleira de Servizos Sociais (mesmo sendo xa concelleira), que por certo na actualidade tamén está na Directiva da ANPA da Galescola, e non por iso imos decir que a Asociación Santa María de Torás e a ANPA da Galescola son do Partido Popular, porque non sería verdade. Todas as asociacións existentes no concello da Laracha son tan plurais como o é a sociedade larachesa, e nunha sociedade democrática todas e todos temos dereito a participar no movemento asociativo e a militar individualmente nun partido político. Ou é que só queren recoñecerlle ese dereito aos militantes do Partido Popular? Por outra banda, o BNG da Laracha vén demandando desde hai tempo a creación do Consello Municipal de Cultura, como órgano de participación de todo o movemento asociativo, no que deben estar as entidades culturais, deportivas, veciñais e de todo tipo, e onde se debe debater a política cultural, e por suposto, consensuar as bases das convocatorias de subvencións. Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG SOLICITA: 1º.- Que nas sucesivas convocatorias de subvencións do Concello da Laracha non se exclúa ás asociacións de veciños. 2º.- A creación do Consello Municipal de Cultura, como órgano de participación de todo o movemento asociativo. A Laracha, 22 de setembro de 2009 Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG