Rogo para a mellora dun camiño en Coiro
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o vindeiro Pleno Ordinario da Corporación o seguinte ROGO:
Existe unha pista que comunica o lugar da Medoña e o seu entorno coa escola do Rapadoiro (na parroquia de Coiro), e que é utilizada por moitas persoas da zona, mesmo son moitas as que lle chaman “o camiño da misa”, pois utilízana para ir á igrexa. Esta pista atópase en moi mal estado de conservación, chea de buratos e con moitas dificultades para a circular por ela, e son moitos os veciños e as veciñas que levan demandando desde hai tempo o seu arranxo, pois como comentamos anteriormente, é bastante transitada.
Desde o BNG da Laracha consideramos que o goberno municipal debe abordar dunha vez o arranxo desta pista, tendo en conta ademáis que se trata dunha obra que se podería incluír nalgúns dos plans da propia deputación (mesmo nun dos plans recentemente aprobados, nos que se poden incluír obras de mantemento e reparación). En calquera caso, sexa coa inclusión nalgún plan, ou sexa con fondos propios, consideramos que o goberno municipal debe afrontar de xeito prioritario esta obra.
Así pois, desde o Grupo Municipal do BNG SOLICITAMOS:
Que desde o goberno municipal se aborde, de xeito prioritario, a mellora da pista que vai desde a Medoña ata a escola do Rapadoiro, na parroquia de Coiro.
A Laracha, 7 de abril de 2009
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG