Rogo para que se analice a calidade das augas das fontes públicas e se indique a súa potabilidade
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o vindeiro Pleno Ordinario da Corporación o seguinte ROGO:
No concello da Laracha existen moitas fontes públicas, fontes ás que moitas veciñas e veciños van a beber ou a coller auga para o consumo nas súas casas. Na práctica totalidade destas fontes non existe información pública algunha respecto da calidade das súas augas, sen son ou non aptas para o consumo, se son augas potables ou non.
Desde o Grupo Municipal do BNG consideramos que se debera facer un traballo de análise da calidade da auga de todas as fontes públicas do noso concello, e colocar unha información en cada unha delas relativa á calidade das súas augas, indicando se son augas potables ou non, se son aptas para o consumo ou non.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG SOLICITA:
Que se inicien os traballos para analizar as augas de todas as fontes públicas do termo municipal da Laracha, e que unha vez se teñan os resultados de cada unha das fontes se coloque unha información pública relativa á potabilidade ou non da auga, que se indique se a auga de cada fonte é apta para o consumo ou non. Solicitamos, así mesmo, que unha vez se teña feito este traballo, periódicamente se faga un seguemento e se continúen analizando cada certo tempo (cando menos unha vez ao ano) a calidade das augas de todas as fontes e mantendo deste xeito actualizada a información ao respecto.
A Laracha, 27 de agosto de 2008
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha