Rogo para que se recollan e repoñan oficialmente os topónimos do Concello da Laracha

Xoán Manoel Sande Muñiz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o vindeiro Pleno Ordinario da Corporación o seguinte ROGO:

 

            No concello da Laracha, varias persoas están atopándose con problemas á hora de inscribirse no padrón municipal nalgúns lugares deste concello, xa que parece ser que na base de datos que se utiliza neste padrón municipal hai certos lugares que non aparecen. Así, algunhas persoas nos teñen dito a imposibilidade de rexistrarse, por exemplo, en lugares como Os Canedos na parroquia de Vilaño, O Pazo na parroquia de Soandres, As Camposas na parroquia de Golmar ou mesmo Troa na parroquia de Torás.

 

            Deste xeito se está a imposibilitar que nos documentos destas persoas poidan aparecer os lugares nos que viven realmente, ademáis de que tamén nos propios lugares non aparece a sinalización do lugar en cuestión senón que aparecen nomeados como parte do lugar máis próximo. Xa temos manifestado en máis dunha ocasión desde o BNG da Laracha que entendemos que a toponimia debe ser respectada, pois é un patrimonio de todas e de todos, e polo tanto os nomes de lugares como Trasande (en Cabovilaño), O Pazo (en Soandres), As Camposas (en Golmar), Os Canedos (en Vilaño), etc., deben ser repostos e tamén entendemos que ás persoas que viven neles tamén se lles debe respectar o seu dereito a empadroarse no lugar no que viven, e sobre todo cando estamos a falar de nomes todos eles recollidos no “Nomenclátor” aprobado e publicado pola Xunta de Galiza no ano 2003.

 

           

 

Por todo isto, desde o Grupo Municipal do BNG SOLICITAMOS:

 

 

            Que desde o goberno municipal se adopten as medidas oportunas para repoñer os nomes de todos os lugares do noso concello, recollendo deste xeito todos os topónimos oficiais de todos os lugares das trece parroquias do concello da Laracha que se recollen no “Nomenclátor” oficial da Xunta de Galiza. Así mesmo, solicitamos tamén que se recollan todos os topónimos nas bases de datos que se utilizan para o padrón municipal, de xeito que toda persoa que se inscriba no mesmo poida facelo no lugar concreto no que vive.

 

 

 

 

A Laracha, 23 de xuño de 2008

 

 

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar