Rogo sobre o programa "quérome" e a falta de respecto institucional do Concello
Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o vindeiro Pleno Ordinario da Corporación o seguinte ROGO:
O Servizo Galego de Igualdade é un organismo autónomo da Xunta de Galiza, creado por Lei 3/1991, de 14 de xaneiro, e o seu obxectivo é promove la igualdade de dereitos e a non discriminación entre homes e mulleres, a participación e integración das mulleres na vida social, cultural, económica e política de Galiza. Na actualidade depende da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade, que por se non o saben, dirixe o BNG. O SGI oferta semestralmente a Centros de Información da Muller (CIM) dos Concellos de todo o país diferentes actividades (programas, charlas, obradoiros…) sen ter en conta, a pesar do que predican algúns dirixentes do Partido Popular, a cor política dos gobernos municipais.
Isto sucedeu a semana pasada aquí na Laracha. Organizouse un obradoiro que leva por nome
“Quérome”, sobre sexualidade, pero neste concello calquer actividade que se realiza para o ben da cidadanía, sempre agocha unha doble intención, unha rentabilidade política.
En efecto, esa doble intención levou o equipo de goberno a tentar enganar sutilmente, ou se queren, a confundir. Explícome: en ningún momento nin en ningún medio onde se publicitan aparece o nome da Vicepresidencia, que é quen as promove ( na propia páxina web do concello aparece do seguinte xeito “…o Concello da Laracha organiza, a través do Centro de Información á Muller, o obradoiro de sexualidade “Quérome”, dirixido a mulleres en xeral maiores de 18 anos de idade que sexan veciñas da Laracha…”.
Ao remate da charla, faise unha especie de mitin político (a cargo do erario público, como xa é bastante habitual no Partido Popular da Laracha), botándolle flores a Concelleira, dicindo que é unha actividade do CIM e esquecendo mencionar o Servizo Galego de Igualdade e a Vicepresidencia. É a mesma absurda actitude de cando se emperrenchan en chamar “gardería municipal” a “GALESCOLA”. E todo isto a escasos meses dos comicios autonómicos.
Désculpennos que sexamos mal pensados, pero semella que neste equipo de goberno a ética política brilla pola sua ausencia. En efecto, comprobamos, que este Goberno Municipal moito se quere a sí mesmo.
Por todo isto, SOLICITAMOS:
Que, no sucesivo, o Goberno Municipal amose un mínimo de decencia, respeto e decoro político e lealdade institucional cara ás administracións que financian os actos do Concello; e informe debidamente a veciñanza de onde proveñen realmente estas actividades.
A Laracha, 22 de novembro de 2008
Asdo.: Carolina Castiñeiras Brandón,
Concelleira do Grupo Municipal do BNG