Moción do BNG en favor da Autovía da Costa da Morte
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta a seguinte MOCIÓN, para o seu debate no próximo Pleno Ordinario:
É recoñecido por todas e todos o déficit de infraestruturas que padece o territorio da Costa da Morte, que carece dun só metro de ferrocarril, e padece unhas deficientes comunicacións por estrada. Este territorio foi sempre dos peor tratados polo Partido Popular, e mesmo tivo que sufrir a afronta de que se lle impuxera unha inxusta peaxe a unha autovía que fora construída nunha boa parte con diñeiro público, e que foi privatizada polo goberno de Fraga. Aautovía A Coruña-Carballo, que foi transformada en autoestrada de peaxe incumprindo un acordo unánime do Parlamento Galego.
As obras da autovía Carballo-Berdoias foron adxudicadas por 745 millóns de euros, cunha concesión de 25 anos, mediante o sistema coñecido como “peaxe na sombra”, a unha unión temporal de empresas de construción. O BNG foi moi crítico no seu momento con este sistema de contratación, non só polo seu sobreprezo, senón porque non se garante que se poida executar ao depender de que as empresas adxudicatarias consigan financiamento para a súa execución. Ademais, o risco de que a “peaxe na sombra” remate converténdose nunha peaxe que teñan que pagar tamén os usuarios e usuarias está aí, e moito máis tendo en conta os precedentes da autovía A Coruña-Carballo.
Os feitos están dando a razón ao BNG, xa que as obras están totalmente paralizadas, gran parte da maquinaria foi retirada, e moitos traballadores e traballadoras viron interrompidos os seus contratos sen que saiban cando se poderán reanudar os traballos, precisamente por falta de financiamento.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO:
Instar á Xunta de Galiza a:
1.- Garantir que a autovía Carballo-Berdoias vai ser construída no prazo comprometido, rematando as obras en maio de 2013.
2.- Garantir que esta infraestrutura vai ser sempre libre de peaxe para os usuarios e usuarias da mesma.
A Laracha, 18 de abril de 2012
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha