Iniciativa do BNG en defensa dos postos de traballo de ALCOA
Este é o texto íntegro da iniciativa:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
ALCOA INESPAL S.A. A CORUÑA é unha empresa afincada no Polígono Industrial da Grela, na Coruña, e actualmente pertence á multinacional do aluminio ALCOA. No pasado ano 2011 vén de cumprir 50 anos de actividade, adicándose á produción de aluminio por electrolise e á fundición de produtos de aluminio primario para a industria transformadora do aluminio.
Na historia da factoría coruñesa pasou por varias mans, até chegar a ser de titularidade estatal durante bastantes anos, para finalmente en 1993 seren vendidas todas as empresas do grupo INESPAL á multinacional ALCOA. Actualmente a plantilla da empresa está composta por 420 traballadores de ALCOA e máis de cen de empresas auxiliares, varios deles do concello da Laracha.
Xa no ano 2009 unha parte importante da produción foi deslocalizada, e parou definitivamente unha liña de produción de 20.000 Tn anuais de alambrón. Toda a fabricación de alambrón na planta coruñesa foi desviada a Islandia, coa excusa de custes enerxéticos máis competitivos e instalacións tecnoloxicamente máis avanzadas que darían maior calidade ao produto final.
A principios deste ano 2012 ALCOA anuncia que vai reducir a súa capacidade de produción mundial en 531.000 Tn para o primeiro semestre deste ano, das que 291.000 Tn supoñen o peche de dúas fábricas americanas e as 240.000 restantes afectarán ás fábricas situadas no sur de Europa. Destas unhas 90.000 Tn repartiranse entre as fábricas da Coruña e Avilés.
Aos poucos días deste anuncio a dirección de ALCOA na Coruña e Avilés anuncia que ten planeado un recorte de produción do 50% para cada unha das fábricas, e que teñen pensado presentar un ERE de suspensión temporal, cunha duración de 12 meses, para o 50% da plantilla da Coruña. As razóns que esgrime a compañía son o encarecemento dos custes de produción por mor, principalmente, do alto prezo da enerxía eléctrica no noso país.
Desde o Comité de Empresa tense a certeza de que a intención de ALCOA era no pasado mes de decembro pechar a fábrica da Coruña, e sabendo que no ano 2013 o Consorcio MAADEN-ALCOA ten previsto poñer en funcionamento unha megafactoría en Arabia Saudita, cunha produción prevista de 750.000 Tn. anuais.
Os motivos expostos pola empresa para a presentación do ERE non convencen aos traballadores, e están totalmente seguros de que non van subsanar os problemas que ten a fabricación de aluminio no noso país. Para empezar, os custes laborais supoñen apenas o 8% do custe total da produción e a previsión de perdas para este ano está baseada principalmente no prezo do aluminio dado pola cotización do LME no mes de decembro de 2011, que estaba en 1975 dólares/Tn, e actualmente orbita sobre os 2200 dólares/Tn. Só con este dato e usando o mesmo tipo de cálculo que presentaron, xa estariamos a falar de suculentos beneficios para a empresa.
Dada a actual situación de crise económica que estamos a padecer en todos os sectores produtivos do país, e tendo en conta que a perda da actividade industrial de ALCOA suporía unha catástrofe para a economía do entorno da Coruña, e que desta actividade dependen directamente máis de 500 familias e moitas máis indirectamente (varias delas da Laracha), por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO:
Instar ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado a que adopten as iniciativas oportunas para o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo ameazados en Alcoa Inespal, S.A. A Coruña.
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha