Moción en defensa da sanidade pública

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A Plataforma SOS Sanidade Pública está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os servizos necesarios. É competencia do Goberno da Xunta de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuraron o seu réxime económico.
A sanidade pública constitúe -xunto co ensino e os demais servizos públicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade. Nas últimas décadas, porén, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde. A decisión de combinar unha redución do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público, cando menos nas condicións actuais de universalidade e gratuidade no momento do uso, e que garanten a accesibilidade á atención de saúde e condicións equitativas para toda a poboación.
A finalidade da proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública vía iniciativa popular, é frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.
Así pois, a proposición de Lei opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada (private finance initiative ou concesión de obra pública), que en países do noso contorno produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios. A proposición de Lei pretende tamén mellorar o servizo público prestado á cidadanía incrementando a capacidade resolutiva en atención primaria como instrumento de achegamento dos servizos de saúde ao territorio e que terá unha grande incidencia na redución dos tempos de espera hospitalaria.
Finalmente, a proposición de Lei configura un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias, sen que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisións.

Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO- Manifestar o apoio da Corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e dar traslado do mesmo á presidenta do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.

SEGUNDO- Animar aos veciños e veciñas do noso concello a colaborar con esta iniciativa.
TERCEIRO- Instar á Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza.
 

 

A Laracha, 9 de febreiro de 2012
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]