Moción para solicitar o arranxo da estrada comarcal 552

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O estado da Estrada Comarcal 552 (A Coruña-Fisterra) ao seu paso polo noso termo municipal atópase nun estado verdadeiramente lamentábel. Calquera que circule por ela pode comprobalo, sobre todo no núcleo de Paiosaco e tamén ao seu paso por Cabovilaño, mais tamén en moitas zonas do núcleo da Laracha.

Os veciños e as veciñas do Concello da Laracha están fartos de promesas incumpridas, e de escoitarlle ao Sr. Alcalde dicir que xa se vai arranxar cada vez que se fala desta cuestión, ou que desde os grupos da oposición presentamos unha iniciativa ao respecto.
Entendemos desde o BNG que o arranxo desta estrada debe ser unha actuación prioritaria por parte do goberno da Xunta do PP, e que toda a Corporación da Laracha así llo debe transmitir. Xa está ben de enganar á veciñanza do noso concello.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:
A Corporación Municipal da Laracha en Pleno insta á Xunta de Galiza a abordar, de maneira prioritaria, o arranxo da Estrada Comarcal 552 ao seu paso polo noso termo municipal.

Trasladar este acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e á Presidencia da Xunta.

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]