Moción do BNG mediante a que demandamos que a cita telefónica para o médico de cabeceira sexa atendida por persoas e non unha máquina

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

O deterioro da sanidade pública desde a chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza tense agravado ano a ano. As reducións orzamentarias a partir do ano 2010 son substanciais e continuas. Para este ano 2012 o orzamento aprobado polo PP no Parlamento Galego inclúe novos recortes na sanidade pública, sobre todo para a Atención Primaria.

Estos recortes afectan tamén ao noso concello, igual que ao resto do país, xa que os recortes orzamentarios levan a que non se substitúa ao persoal durante as situacións de baixa, vacacións, permisos, etc.. Durante o pasado verán e tamén durante o Nadal, por exemplo, os médicos non eran substituídos na maior parte dos casos, e os pacientes tiñan que ser atendidos por outros médicos do centro (que tiñan que atender aos seus pacientes e aos dos que non estaban). No caso do pediatra non se substitúe practicamente nunca, e o mesmo ocorre co resto de persoal: enfermería, persoal administrativo, etc.
O último invento do Sergas, para seguir suprimindo postos de traballo e degradando cada vez máis a calidade da sanidade pública, é a creación da “Central de Chamadas” para atender a cita previa telefónica. Agora os veciños e veciñas cando chaman por teléfono para pedir cita para o médico de cabeceira, en vez de falar con persoal do Centro de Saúde falan cunha máquina. Teñen que respostar a un lote de preguntas e proporcionar moitos datos antes de conseguir a cita, o que dificulta enormemente o acceso á cita previa telefónica, e no caso das persoas maiores faino practicamente imposíbel.
Desde o BNG defendemos a sanidade pública, e opoñémonos a esta política de recortes e privatizacións. Pola contra, consideramos necesario aumentar os orzamentos nesta área, e reducir noutras cuestións non produtivas nas que o Partido Popular ten incrementado substancialmente o gasto, como en propaganda.
No noso concello, entendemos que hai que incrementar servizos, e non deteriorar os que xa temos como está a facer o Sergas. Seguimos demandando a necesidade de dotar ao Centro de Saúde da Laracha de consultas médicas en horario de tarde (consulta ordinaria, non só atención de urxencia) e tamén servizo de Cita Previa. É dicir, médicos de cabeceira que consulten en horario de tarde, e servizo de Cita Previa que funcione de xeito ininterrumpido ata as 21:00 horas, como xa existe en todos os concellos da Área Sanitaria da Coruña con máis de 10.000 habitantes, excepto A Laracha.
Demandamos tamén a substitución do persoal nas situacións de baixas, vacacións ou permisos, e que a cita previa telefónica sexa atendida por persoas e non por unha máquina. Hai que facilitar o acceso dos veciños e veciñas á sanidade pública, e non dificultalo cada vez máis eliminando ademais postos de traballo no Sergas. Non é extrano que o desemprego se teña incrementado tanto desde que o PP goberna en Galiza, con medidas coma estas.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

 

 
Instar ao Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade a:

 

 1.       Retirar de xeito inmediato a “Central de Chamadas”, e que a cita previa telefónica sexa atendida por persoas, traballadoras e traballadores do Sergas, e non por máquinas.
 2.       Substituír a todo o persoal do Centro de Saúde da Laracha e o Consultorio de Caión nas situacións de baixas, vacacións e permisos.

 3.      Dotar ao Centro de Saúde da Laracha de Consultas Médicas en horario de tarde e tamén do Servizo de Cita Previa de xeito ininterrumpido ata as 21:00 horas, do mesmo xeito que no resto de concellos de máis de 10:000 habitantes da Área Sanitaria da Coruña.

 

A Laracha, 18 de xaneiro de 2011

 

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]