Moción contra a suba encuberta do imposto de transmisións patrimoniais

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNGno Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A Xunta de Galiza vén de publicar (DOG do 19 de agosto de 2011) a Orde da Consellaría de Facenda do 28 de xullo de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galiza para os exercicios 2010 e 2011. Os valores medios fixados para os bens inmóbeis nesa norma supoñen un incremento considerábel respecto do valor que se viña asignando polos propios servizos tributarios da Xunta de Galiza.

A aplicación da devandita norma como medio preferente para determinar o valor dos inmóbeis aos efectos do cálculo dos tributos xestionados pola Xunta de Galiza conlevará un aumento xeralizado e abusivo dos impostos que gravan as transmisións patrimoniais inter vivos ou mortis causa (sucesións e doazóns), unha situación que afectará negativamente á maioría dos veciños e veciñas do noso concello.

A subida media das taxacións dos inmóbeis que pretende aplicar a Xunta de Galiza, incluso de xeito retroactivo desde xaneiro de 2010, estímase entre un 25 e un 30 por 100, chegando nalgúns casos ao 65 por 100, como puxeron de manifesto desde que se difundiu o proxecto previo á publicación da Orde especialistas en xestión e asesoría tributaria, organizacións profesionais agrarias, ou mesmo representantes municipais.

En realidade estamos ante unha suba encuberta de impostos aplicada pola Xunta de Galiza, facendo uso dunha actualización de valores alonxada da realidade, dado que, debido á situación de crise económica é precisamente o mercado inmobiliario un dos máis afectados polo descenso continuado dos prezos ao longo dos últimos anos.

Alén diso, a aprobación desta norma demostra a nefasta xestión económica do Goberno Galego, incapaz de facer unha xestión realmente eficaz dos recursos públicos, e ao tempo, afanoso de botar man de mecanismos que implican un incremento desproporcionado de impostos sen importarlle a difícil conxuntura económica na que se atopan a maioría das persoas deste país.

 

 Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

 

 

1.- Dirixirse ao goberno galego para que:

Ø      Derrogue e deixe sen efecto a Orde da Consellaría de Facenda do 28 de xullo de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galiza para os exercicios 2010 e 2011.
 
Ø      Aprobe unha nova norma pola que se fixen novos valores medios dos inmóbeis que teñan en conta a situación de crise económica e que, polo tanto, en ningún caso, supoña incrementos respecto dos valores vixentes.
 
2. Dar traslado deste Acordo ao Goberno Galego e máis aos Grupos Parlamentares con representación no Parlamento de Galiza.

 

  

 

A Laracha, 29 de agosto de 2011

 

 
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]