Moción na que o BNG reclama que se oferten todas as prazas do Centro de Día-Residencia da Laracha
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
A día de hoxe A Laracha dispón dun Centro de Día e Fogar Residencial, con capacidade para 40 prazas en Centro de Día e 20 prazas en Fogar Residencial, que foi aprobado e orzamentado durante o goberno bipartito da Xunta co BNG xestionando a Área de Benestar Social.
O día 19 do mes de maio publicábase no Diario Oficial de Galiza a licitación da xestión deste centro, entre outros. En total saíu a concurso a xestión de cinco Centros de Día e un Fogar Residencial na provincia da Coruña, conxuntamente. No seu afán privatizador, o Partido Popular está a sacar a concurso a xestión de todos os centros que foron construídos ou aprobados polo BNG desde o goberno bipartito (pois o PP non aprobou nin un só novo centro), para reducir os custos da súa xestión aínda que isto supoña unha peor calidade na atención. Todos os centros que foron postos en marcha durante a lexislatura anterior son xestionados directamente polo Consorcio de Igualdade e Benestar, con xestión pública, como é o caso da Galescola da Laracha ou o Centro de Día de Cabana, por exemplo.
Pero o Partido Popular non pretende aforrar só privatizando e entregando a xestión dos centros a algunhas empresas, senón que tamén o fai reducindo as prazas ás que poderán acceder os posíbeis usuarios, xa que no caso do Centro de Día da Laracha o máximo de prazas que se poderán ocupar serán 20 (cando ten capacidade para 40), e en prazas de Residencia poderán ocuparse un máximo de 18, tendo capacidade para 20, tal e como se recolle no Prego de Cláusulas Administrativas.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno, a adopción do seguinte ACORDO:
Instar ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza a que se oferten o 100% das prazas públicas do Centro de Día e do Fogar Residencial da Laracha.
A Laracha, 4 de xullo de 2011
Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,
Portavozdo Grupo Municipal do BNG da Laracha