Moción para demandar a construción dun novo edificio no Colexio Otero Pedrayo

O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou unha moción na que reclama a construción dun novo edificio para as aulas de infantil no Colexio Otero Pedrayo, así como a cobertura das pistas deportivas e a adopción de medidas de seguridade no edificio vello.

Este é o texto íntegro da iniciativa:

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNGno Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
 
 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
 
Antes das pasadas eleccións municipais recibimos unha visita “propagandística” do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao Colexio Otero Pedrayo da Laracha. Nas informacións recollidas nos medios de comunicación logo desta visita podíase visualizar o compromiso adquirido polo goberno da Xunta do PP de construír un novo edificio para as aulas de infantil, ademais de falarse da cobertura das pistas deportivas (para o que o Concello amosaba a súa disposición a financiar unha parte, algo que non quixo facer nos 16 anos que levamos desde o BNG demandando esta actuación).
 
Recentemente, un numeroso grupo de nais e pais de alumnos deste colexio manifestábanse diante da Casa do Concello, reclamando seguridade para os seus fillos e fillas, demandando o cumprimento do compromiso da Consellería de abordar a construción dun novo edificio, e tamén a adopción de medidas para garantir a seguridade dos nenos e nenas, ante as graves deficiencias do actual edificio en aspectos como a instalación eléctrica, por exemplo.
 
Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
 
Instar á Consellería de Educación a que cumpra canto antes o seu compromiso de construír un novo edificio para as aulas de infantil no Colexio Otero Pedrayo da Laracha, así como a cobertura das pistas deportivas.
 
Instar asímesmo á Consellería e ao goberno municipal da Laracha a adoptar, de maneira urxente, as medidas necesarias para garantir a seguridade dos nenos e nenas e persoal do edificio vello do colexio, con respecto á instalación eléctrica do edificio e a calquera outra cuestión que poida supoñer un risco para as persoas.
 
 
 
A Laracha, 27 de xuño de 2011
 
 
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]