Moción para declarar A Laracha zona desnuclearizada

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os efectos sísmicos sobre a central nuclear de Fukushima, no norte do Xapón, obrigaron ás autoridades a declarar o estado de “emerxencia de enerxía nuclear”, producíndose fugas radiactivas, a evacuación de máis de 200.000 persoas en case 40 kms. á redonda e continuando latente o risco de fusión atómica e a explosión do propio reactor nuclear que desencadearía un accidente nuclear fatal a nivel mundial.

Traxedias e accidentes como os ocurridos nas centrais nucleares de Chernóbil, Three Mile Island-Harrisburg en Estados Unidos ou Vandellós-I en Catalunya, que obrigou neste caso ao seu peche definitivo, poñen de manifesto que ningún reactor nuclear é seguro e que a enerxía nuclear carece das garantías ambientais e de seguridade exixíbeis, alén de que non é necesária para facer fronte ás necesidades enerxéticas de Galiza ou do Estado español.

O pobo galego tense manifestado historicamente contra os intentos de instalar centrais nucleares no noso País. A finais dos anos setenta do século pasado non só se freou a intención de construír unha central en Xove, senón que sentaron as bases para un consenso social contrario a estas instalacións no noso territorio. Foi dende aquela que as ideas e posicións antinucleares se asumiron como maioritarias na nosa sociedade.

Ademais, hai que lembrar que Galiza ten sofrido un dos máis graves problemas derivados da enerxía nuclear ao acoller fronte ás súas costas, a comezos dos anos 80, un vertedoiro de miles de toneladas de residuos radiactivos que contou coa forte oposición do pobo galego e das súas institucións locais, conseguindo paralizar os vertidos na Fosa Atlántica.

A finais do século pasado estivo presente novamente o debate nuclear cando os intentos de ENRESA de situar un cemiterio nuclear no noso País, mais felizmente desbotado, grazas a unha conciencia cidadá contraria á nuclearización.

Galiza non necesita ningunha central nuclear. O noso país exporta na actualidade máis da terceira parte da electricidade que xenera. Os galegos e galegas poderiamos satisfacer as nosas necesidades de electricidade cun baixo impacto ambiental promovendo o aforro e a eficiéncia enerxética, desenvolvendo con garantias de respecto ao medio natural as enerxías renovábeis.

A enerxía nuclear non é o futuro e atópase en declive practicamente en todo o mundo, e non representa unha enerxía respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas. As centráis nucleares contaminan en todas as fases e supoñen un risco evidente e contrastado para a saúde das persoas, sobre todo en caso de accidentes. O problema de tratamento dos residuos segue pendente, dado que manteñen a súa radiactividade e perigo durante 250.000 anos.

É falso que a enerxía nuclear sexa un medio máis barato para a produción de enerxía eléctrica. É preciso calcular o custe incluíndo todo o proceso, que vai desde a extracción do uranio, o seu enriquecemento, as propias centrais nucleares, o reprocesamento do combustíbel e a xestión de residuos.

Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.      Declarar o noso concello como zona desnuclearizada.

2.      Adherírmonos como Corporación Municipal ao acordo do Parlamento de Galiza de 6 de setembro de 2006, instando á Xunta de Galiza a que:

- Se dirixa ao goberno do Estado para que se leven adiante as actuacións necesarias co fin de que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado.

- O alcance desta declaración implicará:

                             A prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares.

                             A prohibición de que en Galiza se constrúan centrais nucleares.

                             Continuar co impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética, ademais de incrementar o uso de enerxías renovábeis no noso modelo enerxético.

3. Comunicar este acordo aos grupos parlamentares no Parlamento de Galiza.

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]