Moción na que o Grupo Municipal do BNG demanda medidas para avanzarmos cara a igualdade entre homes e mulleres

Mónica Castro Nogareda, Concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) asume a loita pola igualdade como un compromiso democrático, imprescindíbel para avanzarmos cara unha sociedade xusta. Non é tolerábel que a metade da poboación sufra discriminacións e se limite o exercicio dos seus dereitos. Acreditamos no necesario compromiso das institucións públicas coa igualdade, que deben articular medidas e programas que atendan as súas demandas e loiten contra as discriminacións de xénero. Lamentabelmente, coa chegada do PP á Xunta de Galiza, estase aplicando un programa regresivo, con efectos negativos para os dereitos e as condicións de vida das mulleres.

 

Os exemplos son abondosos. Cuestiónase o dereito das mulleres a decidiren libremente sobre a súa maternidade, péchanse servizos de información e atención, suprímese o Servizo Galego de Igualdade, paralízase a aplicación de leis en vigor como a de loita contra a violencia de xénero ou a favor da igualdade no ámbito laboral, ou redúcense drasticamente os orzamentos dedicados as políticas de igualdade. Estas políticas teñen a súa cara máis cruel e inxusta en decisións como a de eliminar axudas ás mariscadoras que non tiñan opción a unha pensión digna, ou nos recentes recortes aplicados ás axudas para as mulleres que sofren violencia de xénero.

 

A Xunta de Galiza, gobernada polo PP, está dando pasos cara atrás que non teñen precedentes nas últimas décadas. Co agravante de estarmos nunha crise económica que castiga ao noso país con paro e precariedade, con decisións inxustas que limitan o noso futuro. Hoxe hai 131.632 mulleres desempregadas, os índices de discriminación salarial persisten e a precariedade ten rostro feminino. Mentres a Xunta de Galiza non é capaz de poñer en marcha unha soa medida para atallar esta situación.

 

As súas decisións van por outros derroteiros. Preparan unha nova lei de familias, que no substancial supón un novo ataque aos dereitos das mulleres. Así o corroboran o Consello Económico e Social e numerosas asociacións feministas, alertando que o texto que prepara a Xunta supón recuperar o rol tradicional das mulleres para aforrar recursos orzamentarios en dependencia, escolas infantís, actividades extraescolares e comedores.

 

É sorprendente que un Goberno que non actúa fronte ao paro, ou os problemas que hoxe ten a sociedade galega, só sexa dilixente á hora de recortar dereitos e impoñer un programa ideolóxico. Urxe un cambio de rumbo. Demandamos políticas que permitan a creación de emprego e o acceso en igualdade das mulleres ao mesmo; priorizar a loita e os recursos contra a violencia de xénero; apostar polos servizos públicos e a corresponsabilidade nas tarefas do coidado e a crianza. Para logralo é precisa a nosa implicación. Podemos parar esta ofensiva e camiñar cara un modelo social e económico que albisque un futuro en igualdade na Galiza.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO:

 

Instar á Xunta de Galiza a:
  1. A elaboración dun Plan de Emprego Feminino, con dotación orzamentaria suficiente e que conteña as medidas destinadas a acadar os obxectivos de incrementar o número de mulleres ocupadas, atendendo especificamente a problemática das mozas galegas, corrixir as brecha salarial e reducir a precariedade do emprego feminino.
  2. Retirar o Anteproxecto de Lei de apoio á familia e á convivencia polo seu carácter regresivo para os dereitos das mulleres.
  3. Reformular a Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral de Igualdade, pola que se regulan e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, estabelecendo uns baremos de renda idénticos aos que se recollían nas convocatorias anteriores e eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de ter gozado con anterioridade das medidas recollidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Ademais garantirase que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda estea aberto durante todo o ano e fixarase un prazo máximo de 30 días para a resolución e pago efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude.

 

A Laracha, 4 de marzo de 2011

 

Mónica Castro Nogareda,

Concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]