Moción na que se demanda da Xunta que non recorte nas axudas ao sector agro-gandeiro

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

A Xunta de Galiza, a través da Consellaría do Medio Rural, vén de facer un novo recorte no apoio ao sector gandeiro e á viabilidade económica das explotacións, ao recortar a liña de axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza, creado desde a anterior consellaría de responsabilidade do BNG. O Plan creado pola anterior Consellaría do Medio Rural tiña como finalidade promover un modelo produtivo que primase  a calidade  na produción, incorporando para iso a superficie agraria abandonada ás explotacións e diminuíndo así a dependencia de pensos e compostos na alimentación do gando.

 

 En 2010 o recorte supuxo a cantidade de 6 millóns de euros, logo de que as explotacións tivesen subscrito o contrato e realizados os investimentos obrigatorios para poder cobrar a subvención. Para iso, o goberno do PP na Xunta de Galiza, decidiu que as superficies ocupadas por pastos arbustivos non eran subvencionábeis malia estar recollido nas bases da convocatoria, e ademais eliminaron a condición de subvencionábel dos pastos permanentes, é dicir aqueles de máis de cinco anos, o cal supón unha nova agresión á  economía das explotacións, nun momento de grave crise.

 

Por riba, esta agresión non queda aí, e o goberno do PP na Xunta decide que xa non vai subscribir máis contratos nin aprobar as solicitudes daquelas explotacións que xa tiñan  un contrato anterior.

Todos estes feitos  evidencian a política do PP en relación coas explotacións gandeiras e a súa falta de compromiso por un modelo produtivo sustentábel e rendíbel. Ademais, esta política do PP, está contribuíndo a reducir aínda máis o número de explotacións gandeiras na nosa comarca e no noso concello, e ao seu progresivo deterioro económico e social.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha proporá ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:Instar á Xunta de Galiza a:

 

                -  Que revogue a decisión adoptada na Consellaría do Medio Rural de non considerar subvencionábeis as superficies ocupadas por pastos arbustivos e pastos permanentes,  e que en consecuencia se lles pague aos beneficiarios e beneficiarias o recorte que por mor desa decisión se lles aplicou no pagamento correspondente aos anos 2009 e 2010.

               - Que se teñan en conta para resolver a convocatoria de 2010, os seguintes criterios:

                a) Aceptar as solicitudes formuladas de subscrición dun Contrato de Explotación Sustentábel que cumpran coas condicións estabelecidas nas bases da convocatoria.

               b) Aceptar todas as solicitudes presentadas que impliquen un incremento de compromisos ou de incorporación de máis superficie á explotación por parte daqueles beneficiarios que xa teñen un Contrato de Explotación Sustentábel en vigor.

                c) Considerar subvencionábel toda a superficie correspondente a pastos arbustivos e pastos permanentes tal como se estabelece na normativa.

- Que se proceda ao pagamento de todas as axudas do Contrato de Explotación Sustentábel, sen recortes, antes de finais do mes de marzo.

 

A Laracha, 25 de febreiro de 2011

 

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]