Moción contra os recortes sociais da Xunta de Galiza e Goberno do Estado

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

A actual crise económica está a ser o marco idóneo para que tanto o Goberno do Estado como a Xunta de Galiza estean a levar a cabo medidas de claro carácter antisocial, que seguindo os ditados de organismos como a UE, o FMI ou a OCDE, e baixo o pretexto de reducir gastos e fomentar unha política de austeridade, están a supoñer un forte recorte das prestacións e servizos sociais, e polo tanto, un empeoramento das condicións de vida da maioría da poboación. Neste contexto, o último paso é o anuncio do Goberno do Estado de que presentará a finais de xaneiro unha proposta de reforma do sistema de pensións. Este anuncio ven encadrado nunha campaña con numerosas declaracións tanto do Goberno como de membros e institucións destacadas da dereita económica e dos poderes financeiros que tentan amosar unha imaxe alarmista e catastrofista do sistema público de pensións, aludindo á súa futura insostibilidade, coa clara intención de crear alarma social, que é o mellor recurso para posteriormente xustificar reformas regresivas na Seguridade Social e abrir o campo a fondos de pensións privados e á privatización do propio sistema.

Así, as declaracións que os diferentes membros do goberno do Estado están a facer sobre as medidas que se contemplarán nesta reforma non poden ser máis preocupantes. Anúnciasenos o incremento da idade legal de xubilación até os sesenta e sete anos, e anúnciasenos tamén pensións de menor contía, a través da fórmula de incrementar os anos para o cómputo da contía da pensión. Estas dúas medidas, de levarse adiante, suporán un empeoramento das condicións de vida da gran maioría da poboación, ao ter que traballar máis anos e recibir unha pensión menor.

Segundo o propio ministro de Traballo e Inmigración, a reforma incluirá o atraso da idade de xubilación até os sesenta e sete anos, o que suporía a maior idade legal de xubilación dos países do noso entorno. Non é esta a medida máis acaida para fomentar o reparto do traballo e loitar contra o elevadísimo desemprego xuvenil, que se sitúa no 34,6% en Galiza (III trimestre da EPA). Ademais, o goberno do Estado está a propoñer modificacións no cálculo da contía das pensións. Na actualidade a contía da pensión calcúlase en función da base reguladora da persoa cotizante nos seus últimos quince anos antes da xubilación, e o goberno propónampliar este período até os vinte anos nunha primeira estancia, propoñendo que nunha segunda fase se eleve até os vintecinco anos. O incremento no período de cálculo diminúe a contía da pensión a percibir na maioría dos casos.

 

Diversas persoas especialistas en economía estiman que, por cada incremento dun ano no período de cálculo da pensión, a contía descende de media nun 1%. Así, de incrementarse en cinco anos este cómputo, a pensión media dun galego ou galega, que está en 730,70 euros mensuais, descendería en 36,5 euros cada mes, e 511 euros anuais. Isto significa que ao ano, Galiza deixará de percibir en concepto de pensións, 227,3 millóns de euros anuais. Estes descensos duplicaríanse nunha segunda fase que prolongaría este período até os vintecinco anos.

 

O BNG afirma que o actual sistema de pensións é sólido e solvente, e tamén que poden ser necesarias algunhas reformas no mesmo, pero as mesmas deben servir para corrixir os aspectos regresivos que contempla o Pacto de Toledo, pacto apoiado polo PP e polo PSOE, e que supuxo o primeiro paso para o retroceso do carácter público do Sistema de Pensións. Polo tanto o BNG oponse frontalmente á reforma tal como a ten anunciado o goberno do Estado.

Non obstante, a reforma das pensións non é o único motivo para preocupármonos. Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado acaban de levar a cabo medidas que provocarán grandes dificultades, especialmente a aquelas persoas que se encontran en situación de desemprego e carecen de calquera cobertura económica. Os galegos e as galegas por debaixo do limiar da pobreza ascenden a máis de 600.000 persoas. Non obstante, o número de persoas perceptoras da renda de integración social de Galiza (RISGA) é menor de 5.000 e os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011, malia recoñecer que vai haber un incremento de solicitudes do 18%, vén de conxelar para 2011 as partidas dedicadas a estas persoas, como son as prestacións sociais de carácter periódico destinadas a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, como a renda de integración social de Galiza (RISGA); as Axudas de Emerxencia Social; o Servizo de Asistencia no Fogar e as destinadas ao financiamento dos Plans Concertados e de Servizos Sociais Comunitarios, última esperanza de obter un ingreso para moitos galegos e galegas que carecen de calquera outro apoio. Ademais, o goberno do PP recorta drasticamente os recursos destinados as políticas sociais e, nomeadamente, as transferencias que en materia social realiza a administración galega aos concellos.

 

Neste contexto, a supresión por parte do Goberno do Estado da axuda de 426 euros que viñan recibindo 9.000 galegos e galegas, agrava as consecuencias dos recortes sociais practicados pola Xunta de Galiza, incrementando a pobreza e agravando as desigualdades no noso país, especialmente nun momento no que os traballadores e traballadoras que perderon o seu emprego no punto máis álxido da crise (finais de 2008 e comezos de 2009) están a piques de esgotar a cobertura por desemprego.

 

Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
 
ACORDO:
 
1. Instar ao Goberno do Estado a que retire a actual proposta sobre a reforma das pensións e, nomeadamente, que se defendan os seguintes criterios ante unha futura reforma:

- A idade legal de xubilación debe permanecer nos sesenta e cinco anos.

- O período para o cálculo da contía da pensión manterase nos quince anos de cotización, podendo optarse por fórmulas que permitan seleccionar o período da vida laboral con maiores bases de cotización da futura persoa pensionista.

 

2. Instar ao Goberno do Estado a manter o Programa Temporal de Protección por Desemprego e Inserción (PRODI) co fin de asegurar que ningunha persoa desempregada quede sen cobertura.

 

3. Instar á Xunta de Galiza a incrementar substancialmente a dotación orzamentaria para a inclusión social e, en concreto, incrementar a contía da RISGA e das Axudas de Emerxencia Social.

 

 

A Laracha, 29 de decembro de 2010
 
 
Asdo.:Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]