Moción para demandar máis orzamento para políticas sociais

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011 recortan drasticamente os recursos destinados ás políticas sociais e, nomeadamente, ás transferencias que en materia social realiza a administración galega aos concellos.
      Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP na Xunta de Galiza, por medio dos orzamentos, vén conxelar para 2011 as partidas dedicadas a estas persoas, como son as prestacións sociais de carácter periódico destinadas a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, como a renda de integración social de Galiza (RISGA); as Axudas de Emerxencia Social; o Servizo de Asistencia no Fogar e as destinadas ao financiamento dos Plan Concertado e de Servizos Sociais Comunitarios.
      Ademais o goberno do PP na Xunta, reduce até deixar en 1,7 millóns de euros a transferencia ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que este ano dispoñía de 4,1 millóns, eliminando así preto de 2,5 millóns de euros o que afecta fundamentalmente a centros de día e outros equipamentos sociais.
      Afectan estes graves recortes sociais tamén aos fondos destinados para o desenvolvemento do segundo Plan Galego de Inclusión Social. Só dedica 150.000 euros para atender as persoas sen fogar e deixa en pouco máis de 400.000 euros os fondos destinados aos concellos para o Plan de Atención á Comunidade Xitana.
      Resulta tamén grave o feito de eliminar os fondos destinados aos concellos para programas de apoio as familias, onde desaparecen preto de 1,2 millóns de euros e tamén se eliminan os fondos destinados aos equipos de inclusión social das cidades de Galiza e o Consorcio das Mariñas, onde desaparecen, así mesmo, preto de 1,2 millóns de euros.
      A Xunta de Galiza e o Parlamento galego deben resolver que os orzamentos para 2011 aseguren os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que esta demanda, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos, e en concreto:
·        Incrementar nunha porcentaxe mínima do 50% as partidas destinadas ás rendas de integración social (RISGA),ás axudas de emerxencia social e ao Servizo de Asistencia no Fogar.
·        Dedicar, como mínimo, ao Plan Concertado e ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios, as cantidades consignadas nos orzamentos de 2009 (20 millóns de euros e 10 millóns de euros, respectivamente).
·        Dedicar unha partida mínima de 5 millóns de euros ao desenvolvemento do segundo Plan Galego de Inserción Social a través das oficinas de I+B, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
·        Dedicar, como mínimo, 1 millón de euros á execución do Plan Especial de Atención a Comunidade Xitana.
·        Dedicar unha partida mínima de 500.000 euros ao Programa de Atención a Persoas sen Fogar.
·        Restabelecer e incrementar nunha porcentaxe como mínimo do 20%, respecto ao consignado nos orzamentos de 2010, os fondos destinados aos concellos para apoio ás familias e aos convenios para os equipos de inclusión social das sete cidades e do Consorcio das Mariñas.
      E, finalmente, os concellos galegos deben, consecuentemente, comprometerse a manter e respectar sen recorte algún, de cara aos orzamentos de 2011, os investimentos en servizos sociais previstos nos orzamentos de 2009 ou 2010, segundo o último orzamento aprobado. 
 
 
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.      Instar á Xunta de Galiza e ao Parlamento galego a que, os orzamentos para 2011, aseguren os recursos necesarios para que os concellos poidan ofrecer á sociedade os servizos e prestacións sociais que esta demanda e necesita, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos. Concretamente, os recursos destinados ás rendas de integración social, axudas de emerxencia social, servizo de axuda no fogar, plan concertado e programa de servizos sociais; desenvolvemento do plan galego de inserción social, atención a comunidade xitana, a persoas sen fogar, apoio ás familias e aos equipos de inclusión social.
2.      Instar ao goberno local a que incremente os investimentos en servizos sociais previstos no último orzamento aprobado.
 
 
 
A Laracha, 9 de decembro de 2010
 
 
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]