Moción en defensa da sanidade pública

Este é o texto íntegro da iniciativa:

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

Existe moita preocupación entre a veciñanza pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso concello como da Área de Saúde da Coruña e de todo o sistema sanitario galego.

Nos últimos meses estamos observando e sufrindo unha deterioración dos servizos públicos que se concretan no caso da sanidade nun incremento das listas de espera, incluso en atención primaria; nun incremento da derivación a centros privados concertados; no peche dos hospitais pola tarde, na paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria; na falta de cobertura do persoal en baixas e vacacións, e ultimamente na ameaza de privatización e financiamento público-privado das novas infraestruturas sanitarias. Todo isto acompañado e, en parte, motivado pola redución de gasto sanitario público e a redución de recursos correspondente.

Cremos que estamos ante un momento importante para o noso concello, no que a Corporación Municipal, como representantes do conxunto da veciñanza, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deben estar á altura do que os veciños e veciñas demandan e traballar conxuntamente para que no noso concello se poida dispor e acceder a servizos da sanidade públicos de calidade.

Non se pode nin se deben admitir os intolerábeis niveis de saturación e de falta de medios e de recursos sanitarios que se están a producir. Os concellos da Área de Saúde á que pertencemos, necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.

Por todo o exposto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1º.- Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos e vacacións, que eviten a actual mingua da calidade asistencial.

2º.- Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.

3º.- Manter o Plan de Mellora de Atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, a extensión dos coidados e plans de coidados de enfermaría e dos servizos administrativos de atención ao usuario.

4º.- Redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.

5º.- Paliar a carencia de recursos públicos socio-sanitarios da Área Sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.

6º.- Manter os compromisos económicos estabelecidos coa Área Sanitaria da Coruña, para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013 e o Plan de Investimentos en Alta Tecnoloxía Médica.

7º.- Financiar a construción e equipamento de infraestruturas sanitarias mediante financiamento público 100% a través do capítulo VI de Orzamentos do Servizo Galego de Saúde ou, na súa falta, mediante a empresa pública de investimentos Sociedade Pública de Investimentos de Galiza (SPI).

8º.- Apoiar cos medios dispoñíbeis as actuacións das organizacións de defensa da sanidade pública galega e local.

9º.- Trasladar o presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, á Conselleira de Sanidade e ao conxunto da poboación, dándolle a máxima difusión posíbel cos medios dispoñíbeis no Concello.

 

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]