Moción solicitando melloras no Colexio Otero Pedrayo da Laracha

Este é o texto íntegro da iniciativa do BNG da Laracha:

Mónica Castro Nogareda, Concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Desde hai moitos anos vimos demandando algunhas melloras esenciais para o Colexio Otero Pedrayo da Laracha. Unha delas, que o BNG vén demandando practicamente desde a nosa primeira entrada nesta Corporación no ano 1995, é a necesidade de cubrir as pistas deportivas do colexio, algo fundamental para que os rapaces e rapazas poidan practicar deporte durante todo o ano mais tamén para que teñan espazo á hora de poder saír ao recreo cando chove. Esta necesidade non foi ata o de agora atendida por parte da Consellería de Educación, nin tampouco desde o concello se fixo nada por solucionar esta cuestión.

Outra cuestión máis prioritaria aínda é a do edificio onde se imparte as aulas de Infantil, o edificio vello, que está nunhas pésimas condicións e mesmo non reúne as mínimas garantías de seguridade como se vén amosando en cada simulacro que se fai no colexio, que dá como resultado que a maioría dos nenos e mestres quedarían atrapados de producirse un incendio. O propio Sr. Alcalde ten manifestado que é necesaria a construción dun novo edificio.

Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
Instar á Consellería de Educación da Xunta de Galiza a que consigne os orzamentos para acometer os investimentos tan necesarios no Colexio Otero Pedrayo, como son a construción dun novo edificio para as aulas de Infantil e a cobertura das pistas deportivas, e que se inicie a tramitación para a realización destas obras.
 
 
 
 

 

 

 
 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]