Moción instando ao goberno municipal a utilizar a contratación como instrumento contra a exclusión social
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público establece, nas súas disposicións adicionais 6ª e 7ª, a posibilidade de establecer unha preferencia ou unha reserva na contratación para empresas que integren a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión e Centros Especiais de Emprego. En concreto, a disposición adicional 6ª refírese á contratación con empresas que teñan na súa plantilla persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social e con entidades sen ánimo de lucro, nomeando a posibilidade de establecer nos pregos de cláusulas administrativas particulares a preferencia na adxudicación de contratos para as proposicións de empresas que teñan un número de traballadores con discapacidade superior ao 2% da plantilla; tamén para empresas adicadas específicamente á promoción e inserción laboral de persoas en situación de exclusión social, e mesmo se refire ás organizacións de “Comercio Xusto”. Polo que respecta á disposición adicional 7ª, referida a “Contratos reservados”, establece que poderá reservarse a participación a Centros Especiais de Emprego ou programas de emprego protexido, que integren ao menos ao 70% de persoas con discapacidade entre os seus traballadores.
Desde o BNG da Laracha entendemos que é necesario e de xustiza traballar pola integración laboral de persoas con algún tipo de discapacidade, persoas en risco de exclusión, colectivos con dificultades para a integración laboral, etc., e desde o concello tamén consideremoas que se deben adoptar medidas nese sentido nas contratacións que faga a adminstración municipal, introducindo nos pregos de contratación as chamadas “cláusulas sociais”, que recolle a lexislación en materia de contratación pública.
O goberno municipal debe afondar na utilización da contratación pública como instrumento de loita contra a exclusión social e, en particular, favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade e doutros colectivos con especiais dificultades de acceso ao emprego. Para iso incorporaranse claúsulas sociais nos procesos de contratación, desde a definición do obxecto do contrato ata a súa execución, pasando pola selección dos contratistas.
A Laracha, 17 de xullo de 2010
Asdo.:Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha