Moción pola que se solicita a retirada do "Proxecto de Lei de Augas"
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN para solicitar a retirada do canon da auga recollido no Proxecto de Lei de Augas de Galiza:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Proxecto de Lei de Augas de Galiza aprobado polo goberno galego substitúe o actual canon de saneamento por dous novos tributos, o canon da auga e o coeficiente de verquido, coa única intención de aumentar a recadación por parte do goberno do PP, a costa de familias e particulares. Mentres as administracións preparan novas rebaixas impositivas para a adquisición de segundas vivendas, sen límite de prezo nin de renda dos seus titulares, o PP incrementa de xeito brutal e desproporcionado a imposición sobre o uso ou consumo de auga, nomeadamente para os usos domésticos, que serán os que soporten a maior suba de impostos. Xa no primeiro ano de aplicación destes dous novos tributos, a Xunta de Galiza, prevé duplicar a recadación prevista polo canon de saneamento para o ano 2010, cun incremento de preto de 35 millóns de euros. Unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio, duns 3 metros cúbicos ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%.
Esta é unha lei que foi elaborada sen consultar aos concellos galegos, sen discusión previa, obviando a realidade local e a grave situación económica que se sofre no país e nos concellos.
Reducen os consumos asimilábeis a domésticos, pasando dos 3.000 m3/ano actuais a 2.000 m3/ano, o que terá consecuencias moi importantes na suba que van experimentar colexios, centros de saúde, pequenos negocios, hostalaría, etc.
Suprimen as exencións existentes na actualidade para os núcleos de menos de 2.000 habitantes, prexudicando especialmente aos veciños e veciñas do rural, que terán que pagar o canon polo aproveitamento da auga dos seus propios pozos, ou de traídas veciñais, do que hoxe están exentos, e ademais aínda que non teñan servizos públicos de abastecemento de auga ou de saneamento. Só no caso de que non dispoñan de ningún destes dous servizos públicos poderán aplicar a redución prevista na lei, pero aínda non tendo ningún servizo terán que tributar polo canon da auga.
Esta lei obriga a instalar contadores homologados nos pozos particulares, baixo a ameaza de multas de até 30.000 euros.
Por outra parte, a lei non adopta ningunha medida que veña a incentivar o aforro de auga, nin nos usos domésticos nin nos outros, e por riba estabelece unha cota para todos os fogares aínda que non teñan consumo de auga. Trátase dunha política fiscal abusiva que queren aplicarlle a toda a poboación co único obxectivo de recadar, cando con poñer en marcha a recadación do canon industrial -como no caso de ENCE- xa incrementarían os ingresos e garantiría un uso sostíbel da auga e unha xestión transparente do canon industrial do seu uso.
Vén ser outro incremento inxusto da imposición indirecta, que soportarán os galegos e galegas, independentemente dos seus ingresos, que só reponde ao interese do goberno do PP de facer recaer o incremento da recadación sobre as familias e outros usuarios que hoxe non soportan o canon de saneamento, mentres continúan a permitir a fraude fiscal aos grandes consumidores de auga cunha elevada carga contaminante, e néganse no Parlamento galego a estabelecer impostos para as grandes fortunas, para as rendas superiores a 1 millón de euros.
Por iso, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Solicitar do goberno galego a retirada do Proxecto de lei de Augas de Galiza e elaborar un novo proxecto de Lei que sexa sometido a consulta pública, debendo recoller as seguintes cuestións:
a) Cumprimento da Directiva Marco da Auga e inclusión de todos os seus preceptos.
b) Garantir o acceso ao ciclo completo da auga a todos os cidadáns e cidadás de Galiza en igualdade de condicións.
c) Garantir unha fiscalidade progresiva para a auga en Galiza que de ningún xeito supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise pola vía dos impostos indirectos.
d) Regulación e ordenación dos usos da auga que recolla todas as peculiaridades do territorio galego e do acceso á auga, de xeito que se garanta que a auga sexa un servizo universal das galegas e dos galegos.
e) Ter en conta unha regulación dos usos industriais da auga que garanta o uso sostíbel do recurso e unha xestión transparente do canón industrial do uso da auga.
A Laracha, 26 de xuño de 2010
Asdo.: Xoán Manoel Sande Muiñz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha